Temas: AENA

En- Colectivo: plataforma para agrupar aos afectados polas incidencias en Peinador durante o cambio do ILS

O voceiro da plataforma, Diego Maraña, afirmou que en Vigo hai unha "situación de abandono" xeral no relativo ás infraestruturas de comunicación, tanto no que respecta ao transporte aéreo como ao ferroviario.

Por E.P. | VIGO | 04/07/2018 | Actualizada ás 16:03

Comparte esta noticia

Varias persoas que se atopan entre os afectados polos voos cancelados, desviados ou atrasados no Aeroporto de Peinador durante o cambio do ILS --o asistente de aterraxe en caso de néboa--, que se levou a cabo nos meses de maio e xuño, crearon a plataforma En-Colectivo, na que pretenden agrupar a todos os afectados para iniciar accións legais conxuntas.

Avión
Avión

O portavoz da plataforma, Diego Maraña, manifestou que o obxectivo é unirse para reclamar unha compensación pola situación vivida polos afectados, que cifrou nunhas 20.000 persoas. Así, chamou a todos estes usuarios a unirse para "ir contra Aena" e outros posibles responsables, e reclamar máis que a indemnización básica (duns 200 euros).

"Sobre todo polo seu deixamento, e por como nos tratou Aena", mantivo, pois considerou que había "unha fácil solución" a esta situación, que pasaba por "prever e avisar". De igual maneira, apuntou que é "moi inxusto o que tiveron que vivir os traballadores de Aena, ao aguantar o ballón dos afectados" mentres a empresa "lavouse as mans" e non deu "a cara".

Maraña tamén aduciu que en Vigo hai unha "situación de abandono" xeral no relativo ás infraestruturas de comunicación, tanto no que respecta ao transporte aéreo como ao ferroviario, e, neste senso, engadiu que é "máis terceiromundista Vigo" que países como Mauritania. "A imaxe que demos nestes meses é patética", resolveu.

O despacho Cremades & Calvo-Sotelo encárgase da parte xurídica, e os seus socios Alberto García e Rafael Fernández explicaron que neste caso o obxectivo é acreditar tanto o dano, como o lucro cesante e os danos morais sufridos polos afectados. Aínda que comentaron que é "difícil" cifrar a indemnización, si dixeron que pode chegar a entre 600 e 1.000 euros polos danos morais.

En concreto, a súa intención inicial é abrir unha negociación colectiva con Aena, e senón presentar unha demanda. "Hai danos neste caso e neglixencia por parte de alguén, en principio de Aena", sostiveron, sen descartar que tamén poida haber responsabilidade dalgunha aerolínea. A defensa "non vai ter custo" para o afectados pero, "do que se consiga, un 25% será para asumir eses gastos".

Os afectados poden contactar coa plataforma a través do e-mail reclamaciones@en-colectivo.com, cunha mensaxe na que remitan os seus datos e os dos seus voos, expliquen os seus casos persoais e inclúan a documentación que estimen pertinente. Despois, a plataforma contactará con eles para preparar as accións.

IMPORTANTES PERDAS

Na presentación da plataforma tamén interveu Diego Otero, director de Abramar, unha axencia de viaxes que organiza traslados (principalmente a empresas), quen incidiu en que nesta continxencia "non houbo previsión de Aena para dar alternativas", e iso ocasionou "importantes perdas a empresas e axencias".

Neste ámbito, lembrou que algúns pasaxeiros viaxaban por traballo ou non tiñan como destino final cidades españolas, como Madrid, senón que alí collían unha ligazón a terceiros países. Por iso, reclamou "máis previsión e máis alternativas", posto que, insistiu, hoxe en día "é moi fácil contactar cos clientes".

Temas: AENA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Jose

Como me puedo poner en contacto con dicha plataforma?? soy uno de los afectados