En Marea esixe ao Goberno do PSOE que peche Ence na ría de Pontevedra e cumpra o que prometeu na oposición

A concesión da planta de Lourizán concluiría o 28 de xullo, pero foi prorrogada até 2073 polo Goberno en funcións de Rajoy

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2018 | Actualizada ás 19:47

Comparte esta noticia

En Marea instou ao PSOE de Pedro Sánchez a "cumprir coa promesa" que mantivo na oposición e, agora, desde o Goberno de España, poña fin á actividade da planta de Ence na ría de Pontevedra aproveitando "a excelente oportunidade" que brinda o fin da concesión de actividade, que conclúe o próximo 28 de xullo.

Marcos Cal, deputado de En Marea. EN MAREA
Marcos Cal, deputado de En Marea. EN MAREA | Fonte: Europa Press

Con todo, en xaneiro de 2016, o popular Mariano Rajoy, á fronte dun Executivo estatal en funcións após a celebración das eleccións xerais de decembro de 2015, concedeu unha prórroga por 60 anos máis para que a pasteira continúe en Lourizán até 2073.

O deputado de En Marea Marcos Cal tachou de "inaceptable" a decisión adoptada hai dous anos e medio por un goberno en funcións que "desatendeu os mandatos xudiciais existentes, que indicaban á administración a necesidade de incoar un expediente de caducidade" para a planta.

A iso, Cal sumou "os numerosos incumprimentos" de Ence-Elnosa en cuestións como seguridade ambiental, limitación de actividade ao producir enerxía cando a concesión "non a contempla" ou a "modificación das edificacións superando o volume e a altura permitidas", entre outras, o que, ao seu xuízo, constitúen razóns para "acabar" coa actividade da planta pasteira.

"Os pregos da concesión indican que se pode proceder á paralización da actividade existindo incumprimentos, e existen motivos máis que dabondo nese sentido", remarcou, para logo pór o foco en que se trata dunha "decisión política" á marxe do curso dos procedementos xudiciais abertos.

PROMESA DE SÁNCHEZ

Deste xeito, lembrou que o propio Pedro Sánchez incluíu a paralización da actividade de Ence nas súas promesas electorais e que son varios os alcaldes e responsables municipais do Partido Socialista, así como o seu grupo no Parlamento galego, quen se opoñen á continuidade da pasteira, cuxa saída de Lourizán suporía "recuperar unha das zonas máis produtivas de Galicia desde o punto de vista marisqueiro".

Neste sentido, apuntou á "perda" desde o ano 2000 de "500 licenzas marisqueiras" na ría de Pontevedra como contraposición ao argumento do mantemento dos postos de traballo da fábrica como razón para a continuidade de Ence. A iso, sumou as "posibilidades turísticas" que abriría para a zona a saída da planta.

Ademais, Marcos Cal incidiu en que Ence constitúe "o caso máis grave de portas xiratorias en Galicia", xa que, como lembrou, no seu consello de administración figuran Isabel Tocino e Carlos del Álamo, que ocupaban as carteiras de Medio Ambiente nos Gobernos central e autonómico nos anos nos que Ence "foi privatizada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Aprende

Este deputado chega un pouco tarde, non? Será polo pouco que abrocha, en cartos, no parlamento galego. Desde que houbo cambio de goberno, Marea Pontevedra xa se moblizou en tal sentido con escritos e denuncias, e os parlamentarios de En Marea no parlamento español, outro tanto. A que vén isto agora? Sobreactuación pura e dura.

1 Gamela

Eu esíxolle ao Grupo En Marea que abra expediente a Eva Solla por bloquear as contas da cidadanía, especialmente logo de saber con certeza canto lle pagamos (así é comunista calquera!) http://www.parlamentodegalicia.es/s...