A "Universidade Popular" chega a Compostela con cursos de verán para todos os gustos

Faino da man do Centro Social O Pichel, que desenvolverá nesta semana do 16 ao 20 de xullo obradoiros diarios con diferentes temáticas: linguas e cociña, fotografía, xénero, roteiros históricos e culturais, deportes, música, danza... a prezos accesibles a todos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostelaa | 17/07/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Un ano máis volven a Santiago os cursos de verán do Centro Social O Pichel, "um grupo de compostelanas e compostelanos decididos a fazer activismo cultural na nossa cidade e comarca. A língua e cultura galegas, a vontade de aprender, de difundir e recuperar os nossos costumes, a nossa história, a nossa música... som os nossos eixos de trabalho". Así é como se definen. Con estes principios á cabeza, han desenvolver todas as tardes da semana do 16 ao 20 de xullo obradoiros diarios con temáticas variadas, diferentes horarios e a prezos accesibles. 

Un dos cursos da 'Universidade Popular'
Un dos cursos da 'Universidade Popular' | Fonte: Gentalha do Pichel

Este ano repítese algún curso que xa se tiña desenvolvido en anos anteriores pero tamén se incorporan novas propostas, anuncian dende o centro. Así pois, daranse aulas relacionadas con diferentes ámbitos: linguas e cociña, fotografía, xénero, roteiros históricos e culturais, deportes, música, danza... entre outros moitos. "A idea é partir dos conhecementos que cada quem tem e que podem ser úteis para a gente que está a sua volta. Fazer do conhecimento um saber partilhado e nom umha ferramenta de lucro 'homologado'", asegura o centro, que fai chamar estes obradoiros como "a Universidade Popular".

Desta maneira, a Gentalha do Pichel convida a todo o mundo a "fuxir das praias massificadas" e acudir ao centro social O Pichel, "pois encherá-se de gente a partilhar saberes e experiências". Tamén avisan de que é importante reservar praza ata un día antes de comezar o curso (antes das 16h) na web gentalha@gentalha.org. O prezo por curso é de tres euros (3,5€ se non es socia). O abono para todos os cursos no conxunto son oito euros (dez para que non é socia). E ademais, ofrecen un prezo solidario para aqueles que queiran apoiar a iniciativa con máis diñeiro: 5€ por curso e 15€ por abono.

A oferta é ben variada: muiñeira, cociña mexicana, regueifa feminista, aula de antropoloxía, charla sobre "turismofobia ou dereito á cidade?", "as mulleres galegas na historia e na Wikipedia", como facer fotos na noite... e un longo etcétera. Os graos desta "Universidade Popular" detallados xunto cos horarios poden verse na páxina oficial da Gentalha do Pichel. Unha oportunidade para ocupar o tempo en "lecer alternativo e em galego". Por que entre os diferentes propósitos deste colectivo está o de "ensinar, difundir e desfrutar da cultura tradicional galega assi como o de fomentar o conhecimento de novas produçons culturais da Galiza em particular e da Lusofonia em geral".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta