Temas: INCENDIOS XUNTA

Operativas 20 das 88 cámaras coas que a Xunta vixiará o monte para detectar incendios

Está previsto que a mediados de agosto estea culminada a instalación nos 44 puntos previstos (son dous por centro).

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2018 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

Vinte das 88 cámaras coas que a Xunta vixiará o monte galego para disuadir aos incendiarios, pero tamén para detectar lumes e favorecer unha mellor coordinación dos medios de extinción, están xa operativas. A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, visitaron este martes o centro de coordinación central para supervisar o funcionamento das novas cámaras de vixilancia do territorio forestal.

Centro de coordinación da rede de vixilancia contra incendios
Centro de coordinación da rede de vixilancia contra incendios | Fonte: Europa Press

Finalmente, despois dunha mellora da adxudicataria, serán 88 cámaras (dous por punto nun total de 44 localizacións), que cubrirán un 54% do territorio da comunidade, con distribución por todos os distritos forestais, aínda que con desigual presenza, en función das zonas de maior actividade incendiaria.

Por un investimento de case 2,03 millóns de euros, as cámaras estarán situadas en torres que forman parte da infraestrutura pública da Xunta e fornecerán imaxes en tempo real que serán almacenadas durante un mes, tal e como permite a normativa.

Tanto a responsable de Medio Rural como a da Amtega chamaron a atención durante a visita sobre a resolución das cámaras, que permiten un movemento de 360 graos e teñen un zoom "impresionante" co que, segundo destacou Vázquez, será posible mesmo determinar a presenza de vehículos sospeitosos nas inmediacións dun incendio.

A titular da consellería recoñeceu que "foi un concurso longo, porque as características que se pedían fixo que tivesen que traballar arreo", pero valorou que "ao final este é o resultado" e que, con 88 cámaras distribuídas en 44 puntos, este centro terá "todos os ollos postos nos incendiarios".

"TODO ENCIMA DA MESA"

"Esperemos que sexa un bo verán, pero ben é certo que pomos todo encima da mesa para que iso sexa así", proclamou Ángeles Vázquez, sobre unha das medidas anunciadas polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, despois da vaga de lumes do pasado outubro, que se cobrou catro vidas e arrasou unhas 50.000 hectáreas en apenas unha fin de semana.

Polo momento están operativos 10 centros (con dous cámaras por centro) e está previsto que a mediados de agosto estea culminada a instalación da totalidade das cámaras, nos 44 puntos previstos, segundo explicou Mar Pereira.

Temas: INCENDIOS XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta