A oposición en Galicia critica a Feijóo por pedirlle a Sánchez o que non lle pedía a Rajoy

Caballero (destaca o "compromiso con Galicia" de Sánchez, Villares censura que Feijóo fora pasivo con Rajoy e Pontón di que “non houbo avances” para Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/07/2018 | Actualizada ás 22:51

Comparte esta noticia

Os tres líderes da oposición criticaron este martes a Alberto Núñez Feijóo que fora a Madrid a pedirlle a Pedro Sánchez, o presidente español, o que antes non lle pedía a Mariano Rajoy. 

Luis Villares e Ana Pontón.
Luis Villares e Ana Pontón.

Así, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou o "compromiso con Galicia" do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, tras anos de "desprezos" do expresidente Mariano Rajoy e o "silencio cómplice" do xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, criticou a "impostura" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por "esixirlle" o compromiso "dunha axenda galega que nunca existiu". "Feijóo non pode esixir na Moncloa retomar ningún compromiso previo para Galicia, simplemente porque non o alcanzou durante a etapa de Mariano Rajoy", esgrimiu.

Ademais, censurou o cinismo do presidente autonómico por acudir a Madrid como "abandeirado" dos damnificados pola explosión pirotécnica da parroquia de Paramos, en Tui (Pontevedra), "unha semana despois de rexeitar" as súas peticións no Lexislativo galego.

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "fracaso" o resultado da reunión porque “non houbo un só avance para Galiza". A líder nacionalista lamentou que Feijóo mostrase "unha total falta de ambición de país" porque "renunciou a defender unha axenda galega". 

"Ao contrario, abriu a porta a un escenario no que se consolida a discriminación e o agravio do Goberno do Estado con Galiza", esgrimiu, á vez que dixo que Feijóo mantén "baixo" o listón "do que merecen os galegos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Coidado coa EDICIÓN as negriñas saen en branco !!!