A Xunta avoga por determinar "o custo real" da prestación de servizos

O déficit de 2019 pasará do 0,1% ao 0,3% nun contexto no que cada décima supón para Galicia 60 millóns de capacidade de endebedarse

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/07/2018 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

Galicia defende a necesidade de determinar "o custo real" da prestación de servizos e ter en conta "a incidencia" que teñen factores como a dispersión xeográfica e o envellecemento na reforma do financiamento autonómico que abordará este xoves o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF). Na reunión deste xoves, que fixará os obxectivos de déficit e débeda das comunidades até 2021, a ministra de Facenda tamén informará os traballos preparatorios para avanzar na reforma do sistema de financiamento autonómico.

Edificios centrais da Xunta en San Caetano
Edificios centrais da Xunta en San Caetano | Fonte: xunta.gal

Aínda que o Goberno asumiu que non poderá levala a cabo nesta lexislatura, si dixo que entre os seus plans figura introducir "melloras efectivas" no actual sistema. Respecto diso, a Consellería de Facenda subliña que a posición de Galicia "xa é coñecida", segundo destacan fontes do departamento. Así, lembra que a súa intención é que se teñan en conta a dispersión e o envellecemento, "especialmente" pola súa afección ao custo no ámbito sanitario e no dos servizos sociais. Para iso, propón a inclusión de novos tramos de idade.

Así, a comunidade galega aposta por reformar o sistema de financiamento "como paso clave para o futuro da estrutura territorial de España", e avoga por facelo "a través dunha reforma multilateral coa participación de todas as comunidades". "Entendemos que esta reforma ten que ser unha reforma centrada nas persoas e non nos territorios, e por iso o novo modelo debe garantir os recursos suficientes para que todas as persoas reciban os mesmos servizos públicos con independencia do lugar onde residan", sinalan as fontes consultadas.

DÉFICIT

En canto ao déficit, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xa avanzou que se rebaixará dúas décimas o obxectivo de déficit das comunidades autónomas de cara ao próximo ano, de forma que pasará do 0,1% do PIB previsto ao 0,3%, o que se traducirá nunha capacidade de aumentar o endebedamento de ao redor de 2.400 millóns de euros. Para o caso galego, cada décima de déficit no produto interior bruto (PIB) da comunidade supón uns 60 millóns de euros, aproximadamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta