O grupo de máis sona en Canarias, Bomba, comezou a súa xira galega nunha parroquia de 70 veciños

A comisión de festas asegura que está "moi contenta" co resultado da noite, na que centos de veciños e amigos desfrutaron en primicia dos novos temas de creación propia da orquestra, como 'Hay que chupar' ou 'La llave'

Por Ángela Precedo | Herbogo, Rois, A Coruña | 28/07/2018 | Actualizada ás 22:29

Comparte esta noticia

Grupo Bomba é o grupo --aínda que en realidade é unha orquestra, polo número de integrantes que a compoñen, con catro cantantes; e a cantidade de músicos dos que dispón, un total de oito instrumentistas-- que conta con máis seguidores en Canarias, cunha tradición semellante e igual recoñecemento que a orquestra Tamarindos.

Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.

Chegou a Galicia a finais do mes de xuño e unha das súas primeiras actuacións foi a que deu na aldea de Herbogo, no concello de Rois (A Coruña), cuxos veciños puideron gozar case en primicia dos novos temas que Grupo Bomba incorporou ao repertorio deste ano, que combinan as cancións de creación propia cos temas de actualidade, e as cancións que fan o recordo dos bailadores máis atrevidos e tamén dos máis sentimentais.

Todos os seus integrantes, entre os que se encontran nomes recoñecidos no mundo da verbena como Dani Valiente --Grupo Bomba (até o 2013), grupo Ciclón (2014 a 2015), osquestra Filadelfia (2015), e de novo Grupo Bomba (dende 2017)--, Dani Miranda --membro desta formación dende o ano 2007-- e Airán Martínez --tamén integrante do grupo dende o 2007--, son de orixe canario, a excepción de Manu Rodríguez --no grupo dende o ano 2016--, que ten procedencia venezolana.

Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.

En concreto, o arranque do espectáculo desta formación canaria parte dunha base musical prolongada, aínda sen cantantes sobre o escenario, pero cunha voz de fondo, a de Manu, que dá as boas noites e saúda ao público: "boas noites, imos pasala ben, chegou o teu grupo... Grupo Bomba!"; mentres na pantalla pendurada da parte traseira do escenario aparece o cartel promocional da xira, no que están os catro cantantes e os oito músicos representados.

Tras uns cinco minutos de introducción saen dos laterais os catro cantantes, cunha canción propia interpretada por Manu Rodríguez: 'Menéalo'. Polo que respecta á indumentaria, todos eles aparecen ataviados cun traxe rosa fucsia e unha camiseta negra por baixo, xunto a unhas características lentes de sol.

Durante a actuación, algo inusual nunha orquesta é que comezan dicindo aquelas cancións que non van facer. Por exemplo, Airán Martínez anuncia: "imos facer cancións como 'Scooby Doo Pa Pa', e non imos facer cancións como 'Cómeme o donut'; polo tanto, imos facer cancións para o bailador".

Dende un primeiro momento, polo tanto, deixan claro, para non enganar a ninguén, o que o público poderá apreciar no repertorio durante o seu espectáculo; deste xeito, a quen non lle conveña, está a tempo de marchar. E, tras estas palabras de Airán, dase paso ao tema 'Cásate conmigo', de Silvester Dangond, na voz de Dani Miranda, dando sempre as grazas á comisión de festas pola invitación.

Continúa Dani Valiente cunha canción máis lenta, 'Que ya no me llame', de Rodrigo Tapari, excantante do grupo Ráfaga. Así, neste ambiente propicio para o caso, dase paso a unha completa sesión de valses, con cancións como 'El vals de las mariposas', de Dani Daniel, a cargo de Dani Valiente, con todos os integrantes facendo os coros.

Tamén foi o turno de temas clásicos galegos como 'Ría de Vilagarcía', na voz de Dani Valiente, cunha parte que versa: "nunha mañá tranquila collín o meu cabalo e funme a pasear"; na que Dani Miranda ponse a bailar e trotar coma se se tratase dun cabalo, causando as gracias do público. Nesta mesma liña chegaron cancións como 'Más te amo yo', interpretada por Airán; ou 'A Virxe da Guadalupe', na voz de Dani Miranda, incitando ao público e ás parellas a bailar.

Entre canción e canción, Airán Martínez introduce a nova canción propia do grupo. "A cousa está tan mal en Canarias que só nos adicamos a chupar"; esa é a presentación do seu tema 'Hay que chupar', cantado por todos os integrantes da formación. Con todo, tamén se da paso a temas máis de acualidade como 'El Clavo', de Prince Royce, na voz de Manu Rodríguez. Logo, continúase nesa mestura de actualidade con temas propios, como 'La llave', sempre a ritmo de merengue, moi bailables, con ese toque orquesteiro que é preciso para que calquera formación actual marque a diferenza no masificado mundo da verbena galega.

Tamén os clásicos máis actuais como 'Ya me enteré', de Reik, na voz de Dani Valente. E Manu copiando a Bad Bunny en cancións e tamén en vestuario, apostando por unha indumentaria moi urbana, cun pantalón branco roto e unha camisa moi floja, usada a modo de chaqueta, con chapas en cor negra e unhas lentes de sol escuras cuxos cristais pódense levantar cara arriba, de tal xeito que resultan moi innovadoras e orixinais, chaman a atención, algo que busca o propio cantante. Con este vestiario tamén chegan os temas 'Mi gente', de J. Balvin; e 'Amorfoda', de Bad Bunny, ambos os dous na voz de Manu.

E retornan tamén temas que marcaron unha época, tan bonitos que é imposible esquecer as súas letras, nin por parte dos máis novos nin, por suposto, dos máis maiores, que crearon recordos en torno a este estilo musical. Tal é o caso da canción 'Lo dejaría todo', interpretada por Airán Martínez, e orixinal do cantante portorriqueño Chayanne.

Todos estes e moitos outros temas conforman a aposta do Grupo Bomba para esta xira estival que un ano máis os trae polos diferentes pobos da Comunidade galega, tal e como sucede con moitas outras formacións canarias que tempada tras tempada se achegan a Galicia para facer as delicias dos fans e do público que os segue desde os seus comezos. Morriña galega é o que sinten.

VISIÓN DA COMISIÓN DE FESTAS

Pese a que Herbogo é unha aldea con poucos habitantes, conformada por un total de 70 veciños, a maior parte deles de avanzada idade, este ano unha comisión xoven e renovada decidiu darlle un novo pulo a esta tradicional festa –que se leva celebrando 45 anos--, coa contratación do Grupo Bomba como estrela de cartel. Alberto Carro, un dos membros da comisión, asegura que se decidiu contratar a esta formación canaria porque “o seu ritmo move a moita xente” e “teñen un bo espectáculo, algo diferente ao habitual nas orquestas de Galicia”.

Así, unha vez pasadas as festas, a súa valoración é “moi boa”, xa que considera que “houbo moita xente” e “estivo todo moi correcto”, ademais de que “o tempo acompañou para poder celebrala”. En concreto, apunta que o día de Bomba “habería 300 persoas ou máis” e, no total dos días, “unhas 1.000, máis ou menos”. Así mesmo, polo que respecta á actuación do grupo Bomba tamén é “moi boa”, dado que “é un grupo que non actúa moito por esta zona”, algo que se sae do habitual.

Sobre a festa en sí, Carro recorda con especial emoción o momento no que viu materializada esa noite na compaña das dúas grandes orquestras, durante o venres de festa, xa que “facía moitos anos que non se podía facer algo así”, e este foi posible despois de moito traballo por parte dos membros da comisión, que “xa leva 6 anos esforzándose porque este cambio cara unha nova aposta na festa sexa posible.

Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Manu Rodríguez no escenario do Grupo Bomba.
Manu Rodríguez no escenario do Grupo Bomba.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Dani Valiente sobre o escenario do Grupo Bomba.
Dani Valiente sobre o escenario do Grupo Bomba.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Escenario de Grupo Bomba en Herbogo, Rois.
Manu Rodríguez sobre o escenario do Grupo Bomba.
Manu Rodríguez sobre o escenario do Grupo Bomba.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta