Temas: OURENSE XUNTA

O Concello de Ourense cede dúas parcelas á Xunta para "axilizar" a intermodal

O Consistorio prevé que a primeira fase das obras da estación de autobuses, licitadas por 4,2 millóns de euros, comezarán no verán.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2018 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, comunicou este xoves que o Concello de Ourense procederá á cesión á Xunta de Galicia de dúas parcelas --de 1.216 e 1.838 metros cadrados-- incluídas en dous terreos de titularidade municipal, no barrio da Ponte, para "axilizar" a posta en marcha da estación intermodal "co horizonte 2019".

Concello de Ourense
Concello de Ourense | Fonte: Wikipedia

A proposta suporá que só se cederá á Administración autonómica o terreo necesario para a construción da estación de autobuses e do aparcadoiro subterráneo, o cal suporá un "importante avance" para "axilizar" o inicio das obras destas dúas infraestruturas "previas á construción da intermodal", tal e como apuntou o rexedor no salón de plenos da Casa Consistorial despois da xunta de goberno local.

"O Concello está a dar resposta ao seu compromiso para axilizar ao máximo a cesión dos terreos para que o inicio das obras sexa unha realidade canto antes, máis sabendo que xa está feita a licitación e o Ministerio está a axilizar os trámites, e así nos consta, xa que a licitación do parquin subterráneo ten que ir ao Consello de Ministros", subliñou o rexedor.

Segundo informou Vázquez Abad, o aparcadoiro e a estación de autobuses contan cun orzamento que superará o once millóns de euros e a súa construción permitirá levar a cabo a "transformación máis importante da cidade", así como "liberar os terreos da antiga estación de buses para dedicalos a espazos públicos".

INICIO DAS OBRAS NESTE VERÁN

A primeira fase da estación intermodal, segundo recoñeceu o primeiro edil, ten previsto comezar este verán coas obras da estación de autobuses, que foron licitadas o pasado 26 de febreiro por un importe de 4,2 millóns de euros a cargo da Xunta. Así, as futuras instalacións terán un total de 16 dársenas --trece de operación e tres de regulación-- e un edificio central de 700 metros cadrados que albergará consignas, oficinas, venda de billetes e aseos, ademais de zonas de estar e servizos públicos.

Pola súa banda, o parquin suporá un investimento de sete millóns de euros, dos que preto de catro millóns serán cofinanciados polo Goberno galego. O resto correrá a cargo de Adif, que se encargará tamén da licitación e da execución das obras. "Esperemos que a licitación do parquin sexa inmediata; neste momento, está nun procedemento moi adiantado", sinalou Vázquez Abad.

O aparcadoiro en cuestión contará con 302 prazas "nunha das zonas con maior presión de tráfico da cidade", segundo apuntou o alcalde, e será "de gran utilidade para todo o barrio da Ponche". Terá unha superficie total de 8.645 metros cadrados distribuídos en dous andares e incluirá dez prazas adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

Temas: OURENSE XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta