Pasaba o Camiño de Santiago polo concello de Cuntis?

A Plataforma Veciñal para a recuperación do Patrimonio Termal critica que no proceso de recuperación do Camiño de Peregrinos que transcorría dende Braga á capital galega non se contempla "a vila bimilenaria de Caldas de Cuntis".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela a | 22/07/2018 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

Cuntis esixe a recuperación do Camiño de Peregrinos que transcorría dende Braga (Portugal) ata Santiago de Compostela tendo en conta todos os concellos polos que pasaba. "Chama poderosamente a atención que no trazado que se intenta impulsar non aparezan, para nada, as propias terras cuntinienses, cando nestas se asentou a vila bimilenaria de Caldas de Cuntis e sendo unha das poucas vilas que dispuña de administración propia, comunidades relixiosas en dous mosteiros, augas termais e diversas infraestruturas", critica a Plataforma Veciñal para a recuperación do Patrimonio Termal. 

Parroquia de Castolandín no concello de Cuntis.
Parroquia de Castolandín no concello de Cuntis. | Fonte: Eladio Anxo Fernández-Flickr (pontevedraviva.com)

Unha "verdadeira vila medieval" que non se contempla no itinerario do Camiño. Esta ausencia fixo que a Plataforma redactara un documento en que se inclúen "probas iconográficas, haxiográficas e devocionais vinculadas co Camiño de Santiago, cos viaxeiros e cos labores asistenciais e de hospitalidade", asegura a Plataforma. Ademais, remítese aos testemuños de Santiago apóstolo (peregrino ou caudillo), San Roque, San Xosé Peregrino, San Cristovo, San Xiao, San Xoán Bautista e Santo Amaro; as virxes de Monserrat, O Loreto e A Magdalena. "Non podemos ignorar que en Cuntis tamén se conmemora a fuxida a Exipto (Santuario da Nosa Señora do Castro Loureiro) e a Adoración dos Reis Magos (Capela da Magdalena de Meira)" din dende a Plataforma.

Tampouco queren esquecer que durante a Idade Media e incluso a Idade Moderna, Cuntis foi unha das poucas vilas -provistas dun pequeno núcleo urbano- existente no interior da provincia, e "máis concretamente por onde parece que discorreu este trazado; itinerario que xa o propio sabio Frei Martiño Sarmiento documentou no ecuador do S. XVIII e sinalou que pasaba, evidentemente, polos Baños (de Cuntis)". 

Desta maneira, catro son as solicitudes que A Plataforma lle solicita ao Pleno Municipal Cuntiense e, en particular, aos representantes dos grupos políticos: que se integre o seu escrito na orde do día, que a administración pública se poña en contacto coas entidades que desenvolven o proxecto, cooperar cos concellos lindeiros de Campo Lameiro e A Estrada e comunicar á propia Plataforma calquera información relevante sobre a recuperación do itinerario. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta