O PSOE de Ferrol solicita a eliminación total das referencias franquistas na cidade

O alcalde, Jorge Suárez, anuncia que apoiará a moción e "calquera medida que supoña a erradicación do franquismo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2018 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

O PSOE de Ferrol quere que se "aplique na súa totalidade a Lei de Memoria Histórica" para "eliminar todos os símbolos franquistas" da cidade", tal e como afirmou na mañá do luns o seu portavoz municipal e secretaria xeral, Beatriz Sestayo.

Beatriz Sestayo. Europa Press - Archivo
Beatriz Sestayo. Europa Press - Archivo | Fonte: Europa Press

Para iso, os socialistas presentarán unha moción para debater no pleno ordinario deste xoves, amparándose no artigo 15.1 da Lei de Memoria Histórica. Así, instarán ao Consistorio a borrar elementos como a placa na casa natal de Francisco Franco na rúa María, ou a da inauguración da Praza de España.

O propio Palacio Municipal do Concello de Ferrol ten a día de hoxe cadros de sete alcaldes da época franquista na súa sala de alcaldes. Unha sala "que se utiliza para realizar actos e reunións públicas", lembrou Beatriz Sestayo, que ao mesmo tempo cualificou que, unha vez que esta medida sexa aprobada no pleno, "os cadros se poden retirar en menos de 24 horas", para que estes sexan devoltos ás familias dos rexedores, "porque algúns deles foron doados polos propios alcaldes no seu día", explicou.

Ademais, a portavoz socialista afirmou que esta moción tamén irá dirixida ao Ministerio de Defensa, solicitando a retirada de todas as rúas con referencia ao franquismo dentro das instalacións militares da cidade. "Aínda que sexa unha zona militar, non quere dicir que non sexa unha zona democrática", alegou.

Beatriz Sestayo tamén lembrou que o seu grupo municipal presentou unha proposta para converter o Castelo de San Felipe nun Centro de Interpretación Histórica, a cal foi aprobada no pleno municipal, pero que aínda non se levou a cabo. A secretaria xeral municipal reafirmouse nesta iniciativa, a cal "estaría financiada por fondos europeos", pero que se mantén "no silencio do goberno de Ferrol".

Minutos despois das palabras da portavoz socialista, compareceu en rolda de prensa o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, quen, após coñecer o contido da moción, afirmou que "apoiará calquera medida que supoña a erradicación do franquismo", polo que, se hai apoio plenario, impulsarán a medida dos socialistas para retirar os sete retratos na sala de alcaldes.

TUMBA DA FAMILIA FRANCO

Beatriz Sestayo tamén fixo referencia á tumba da familia Franco Baamonde existente no cemiterio municipal de Catabois. Nos últimos días deuse a coñecer que foi un agasallo por parte da corporación municipal en 1967 a Franco por ser "un fillo ilustrísimo da cidade", segundo consta na acta.

A socialista afirmou que no PSOE están "en contra de calquera privilexio ou agasallo a un ditador", porque este "é un privilexio ilexítimo desde un punto de vista democrático". A continuación, Sestayo afirmou que Ferrol "deixou ao Caudillo hai moito tempo atrás", polo que o PSOE da cidade está en contra dun posible traslado dos seus restos á urbe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Danilov

Si franquismo y autoritarismo son cosas similares, Sestayo es más franquista que nadie.