En Marea acusa á Xunta de publicar en agosto o decreto da lei de inclusión social para "evitar alegacións"

A deputada Paula Vázquez Verao avanza que o partido instrumental presentará alegacións, xa que entenden que o "desenvolvemento orzamentario" proposto polo Goberno galego "non mellora" a actual renda de inclusión social.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/08/2018 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

En Marea acusou á Xunta de "tentar coar" o decreto da Lei galega de inclusión social coa súa publicación durante o mes de agosto para evitar "que se presenten moitas alegacións", o que, para o partido instrumental, evidencia a "nula vontade" do Goberno galego á hora de contar coas achegas das entidades que traballan no ámbito da pobreza e a exclusión.

Paula Vázquez Verao en rolda de prensa
Paula Vázquez Verao en rolda de prensa | Fonte: EUROPA PRESS

A deputada de En Marea Paula Vázquez Verao censurou que o Executivo autonómico publicase o decreto da nova lei o pasado venres 3 de agosto, sete meses despois de que o borrador do proxecto fose presentado o 21 de decembro de 2017  "con máis de tres anos de atraso".

"A pesar de que a Xunta tivo sete meses de 2018 para poder someter o proxecto do decreto a exposición pública, decide facelo en agosto, nun período no que non hai actividade parlamentaria e que coincide coas vacacións de verán", resaltou Verao.

Así, censura que o prazo de presentación de alegacións --que comeza este luns e péchase o día 27-- se vaia a estender ao longo de 15 días do mes de agosto. Para En Marea, trátase dun "prazo insuficiente" que "demostra a nula vontade da Xunta" de concertar o desenvolvemento da lei coas achegas das entidades sociais.

Así mesmo, a parlamentaria critica que a publicación do decreto se realice "sen responder a todas as suxestións recibidas por parte das entidades e da cidadanía ao borrador do decreto e sen conceder un período de debate coas entidades que llo solicitaron".

Por iso, avanza que o partido instrumental presentará alegacións ademais dun proxecto de lei que busca que se "modifique" a normativa proposta pola Xunta, xa que entenden que o "desenvolvemento orzamentario" proposto "non mellora" a actual Renda de inclusión social de Galicia (Risga).

"Os novos perfís da pobreza que se asentou coa crise esixen solucións novas que a actual Risga non é capaz de atender. En concreto, nos criterios para a valoración da situación de exclusión social ou de risco de exclusión seguen sen considerar como criterio específico, ademais da situación de desemprego, a situación de emprego precario, cando a pobreza laboral é unha realidade cada vez máis asentada", remarca Paula Vázquez Verao.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 GRAN CAIDA DO PODREIROS!!!!

e que alegacións ian presentar estas xentes o borde da desaparición social e o ninguneo constante que veñen sofrindo polas cambadelas propiciadas polo grupo podreiros de Waldo das JONS, todos ata os mais tontos saben que o experimento mareante esta nas ultimas, están perdendo nada menos cun 60 % dos votos, pola nulidade manifesta do xuiz villanetas e os enfrontamentos entre os diversos sectores auspiciados polo gran vello -Vieras, non podía ser doutro xeito, xa non terian nin grupo parlamentario, nin parlamentarios, pero señores enxuicen a actividade dos alcaldes mareantes as alcaiotras do podrerio... señores valoren tamen o do caserio de Waldo das JONS o coletas, están falando que ten o creto posto que vale non 650 mil sinon casi 900 mil euros, señores e acaso a acumulación desta gran propiedade o inición da revolución cultural proletaria???