Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/08/2018 | Actualizada ás 11:42
Luís Angel Rodriguez, o párroco de Xestoso (Monfero) pide suprimir a palabra Israel das celebracións eucarísticas, en repulsa polas actuacións do Estado sionista.
Segundo explica o mesmo crego, "o nome Israel procede dun pasaxe da Biblia, onde o patriarca bíblico Jacob, logo de loitar durante toda a noite contra un misterioso adversario e vencelo, provocou a admiración do mensaxeiro divino, que o bendixo e cambioulle o seu nome polo de Yisra'el, é dicir, «O que loita con Deus» (Xénese, 32:28-30). Por iso, as tribos que se confederaron e recoñeceron como descendentes de Jacob chamáronse a si mesmos «Fillos de Israel» ou «israelitas»".
Ora ben, Luís Angel Rodriguez argüíu que "aínda que esta sexa a súa acepción e non teña nada que ver co Israel que mata e viola os dereitos humanos", considera que "todos os sacerdotes que non queiran ferir aos fillos de Deus que aman a paz e que respectan a autodeterminación do pobo palestino" non deberían mencionar a palabra Israel nas súas celebracións, "e menos cun sentido de pobo que ama a verdade ou como a nova igrexa", dixo.
"Isto mesmo fixémolo algúns sacerdotes en relación coa violencia de xénero e o machismo de moitas celebracións e en especial de oracións", explicou este sábado tamén o párroco.
Estas manifestacións prodúcense a raíz da ameaza dun bufete de avogados de Israel ao Concello de Rianxo, denunciado por unha moción aprobada no pleno municipal, na que se defendía o pobo palestino e o boicot aos produtos israelís.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.