Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/08/2018 | Actualizada ás 15:00
As Brigadas deseucaliptizadoras desembarcan na Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Rebordelo, nas terras de Cotobade, onde comezarán os seus traballos o vindeiro sábado 18. A Comunidade de Rebordelo está comprometida na aposta por un novo modelo de relación co medio, sostible con criterio ambiental e baseado na multifuncionalidade onde se valorice o patrimonio e os recursos ecosistémicos que nos prové o noso monte.
A proposta de traballo para esta brigada sitúase nunha zona do territorio comunitario que foi invadida por eucaliptos que chegaron a colonizar espazos de matogueira e parte dunha carballeira de gran extensión. Esta área viuse afectada pola vaga de lumes de 2017, especialmente nesa noite negra que chegou o furacán “Ophelia”. Isto, ademais de supor un "duro golpe" á Comunidade, que perdeu varios cultivos silvícolas de piñeiro próximos á corta e substitución por frondosas, deixou a Comunidade, que ocupa 300 hectáreas, nunha situación "difícil", asegura Verdegaia, a asociación medioambiental encargada destas Brigadas.
Ante estas problemáticas, a Comunidade de Rebordelo quere crear unha Área de Conservación dentro da comunidade. Ocuparía dous terzos da superficie e estaría adicada á conservación ambiental e uso público, xerando un cordón de protección de frondosas que protexa a aldea fronte ao lume. Nesta área atópanse os abastecementos de auga, as zonas de produción micolóxica e de produción de castaña que se están a desenvolver. No resto do territorio estanse avaliando posibilidades doutros aproveitamentos como a apicultura ou gandaría en extensivos.
VALORES ECOLÓXICOS E ETNOGRÁFICOS
Desde a Comunidade apelouse ás Brigadas para axudar na consolidación desta área de protección e para erradicar a colonización de eucaliptos e acacias no monte, xa que isto require traballo manual minucioso inasumible económicamente para a Comunidade, envellecida e reducida en poboación. Este monte comunal posúe os seus propios valores ecolóxicos e etnográficos, responde a unha biodiversidade moi particular e nel atópanse bosques de frondosas en bo estado de conservación. É unha zona de transición climática entre o clima oceánico húmido e o mediterraneo e serve de corredor ecolóxico entre o Río Lérez e a Serra do Cando, lugares de especial protección e importancia comunitaria.
Por todo isto, Verdegaia agradece a participación das persoas voluntarias nas brigadas e aplaude a querenza de aplicar un novo modelo de xestión sostible e multifuncional nos montes galegos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.