Que hai detrás da orde exprés aprobada pola Xunta para controlar a información dos proxectos mineiros?

O Goberno galego defende que a nova instrución de minas "sistematiza e clarifica" o acceso á información. En Marea denuncia a "sistemática ocultación de información" da Xunta sobre proxectos mineiros que favorecerían ás grandes empresas mineiras.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/08/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Xunta acaba de aprobar unha nova norma da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre acceso á información pública en materia de minas. Unha orde que chega e pleno agosto e logo de que a Consellería de Industria dera vía libre a creación dun polémico parque eólico en Cabana de Bergantiños.

Precisamente, a norma exprés aprobada este luns impediría que as entidades, asociacións, administracións ou particulares puideran a acceder a información "sensible" dos proxectos mineiros, como son "notas, borradores, opinións, resumos, comunicacións e informes internos ou entre órganos ou entidades administrativas, incluso cando forme parte dun expediente".

Poboado mineiro de Fontado
Poboado mineiro de Fontado | Fonte: Asociación Buxa Lara

A orde chega logo das continuadas denuncias de colectivos contrarios a mina de Touro e o Pino, e tamén das protestas en Teo contra a planta de resíduos que quere construír a empresa Toysal. Deste xeito, a nova normativa require á persoa ou entidade solicitante que motive a súa solicitude. Unha vez motivada, a Xunta aprobará ou non esa solicitude de información. E cales serán os motivos de inadmisión?.

INADMISIÓNS

A Dirección Xeral de Minas explicita varios supostos. Entre estes, a información que estea en curso de elaboración, é dicir, o acto administrativo concreto que estea en proceso de redacción e que aínda non está asinado por quen deba ditalo.

Tamén queda excluída a información que estea en curso de publicación xeral. "Esta causa de inadmisión aplicarase cando resulte preceptiva a publicación dun acto ou dunha información nun momento determinado do procedemento e a solicitude de información se presente con carácter previo á fase na cal corresponda a publicación", recolle a nova orde. Ademais, queda fóra dos cidadáns e entidades a información que teña carácter auxiliar ou de apoio, é dicir, as notas, borradores, opinións, resumos, comunicacións e informes internos ou entre órganos ou entidades administrativas, incluso cando forme parte dun expediente.

A nova norma tamén exclúe as accións previas de reelaboración, é dicir, a obtención de copias de documentos non abrangue a reelaboración da información nin a redacción de informes específicos nin a elaboración de estatísticas ou agregados de datos. Tampouco inclúe o asesoramento xurídico sobre interpretación ou aplicación de normas xurídicas. "En todos estes supostos inadmitirase a solicitude", engade a orde.

Finalmente, a Xunta rexeitará as solicitudes "manifestamente repetitivas ou que teñan un carácter abusivo non xustificado coa finalidade de transparencia da lei". Un requisito que choca directamente coas accións que teñen realizado diferentes entidades contrarias a proxectos mineiros nos últimos anos, que teñen pedido información en reiteradas ocasións acusando ao Goberno galego de negarse a informar. "Considéranse repetitivas as solicitudes presentadas por unha mesma persoa que presenten unha identidade substancial en canto á información que se solicita", aclara a Dirección Xeral de Minas.

"Os actos de exercicio de calquera dereito, sen ningunha excepción, están sometidos ao límite do abuso de dereito. Concorre abuso de dereito sempre que estean presentes dous elementos: que o seu exercicio supere os límites normais do dereito e que se cause un dano a terceiro. Constitúe dano a terceiro a utilización de recursos humanos, económicos ou técnicos por parte da Administración para atender unha solicitude que supón unha extralimitación respecto dos límites normais do dereito de acceso á información pública", engade a Xunta na orde.

CRÍTICAS

As reaccións á aprobación desta normativa non se fixeron agardar. En Marea denunciou xa a "actitude oscurantista e opaca" da Xunta, que impón unha "sistemática ocultación de información" sobre proxectos mineiros. Así, critica que esta instrucción "limita e condiciona o acceso á información", á vez que "dá amparo legal" á ocultación que o Goberno galego "mantén coas empresas mineiras", segundo asegura.

Neste sentido, En Marea prevé que este procedemento "redundará nunha maior ocultación e, en consecuencia, en máis dificultades para o coñecemento da vida relacionada coas explotacións mineiras e cos seus incumprimentos".

Pola súa banda, a Consellería de Economía, Emprego e Industria defende que a nova norma "consolida" o dereito de acceso á información dos cidadáns, xa que "sistematiza e clarifica" este proceso. A Xunta explica que, desde a recepción dunha solicitude, a Administración deberá resolver e notificar a resolución "no prazo máximo dun mes", que se poderá ampliar outro mes "no caso de que o volume ou a complexidade" da información así o esixa.

Traballos mineiros de ERIMSA
Traballos mineiros de ERIMSA | Fonte: Adega
Entrega de firmas contra a mina de Touro-O Pino
Entrega de firmas contra a mina de Touro-O Pino
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Alarico

Imos ver. Alguém tem a duvida que o partido único PP$OE governam em funçom das oligarquias madrilenhas e as trans-nacionais?, som a sua razom de existir. O grave é que estejam no “machito” polos votos, nengum povo é inocente da sua história.