A oposición denuncia o "clientelismo" do Goberno galego e urxe cesar aos conselleiros que serán candidatos

"É normal que unha persona que ocupa un posto de responsabilidade política faga política, o que é importante é que faga política boa", responde o PPdeG

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2018 | Actualizada ás 15:47

Comparte esta noticia

En Marea, PSdeG e BNG coincidiron ao acusar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de utilizar o Goberno galego para beneficiar os intereses electorais do Partido Popular e urxiron o cesamento dos conselleiros que serán candidatos nas próximas municipais como apunta que será o caso da titular de Medio Ambiente, Beatriz Mato —na Coruña—, e do de Política Social, José Manuel Rey Varela —en Ferrol—.

Xunta de portavoces
Xunta de portavoces | Fonte: Europa Press

"Feijóo ten o seu listón ético tan baixo que non lle importa seguir convertendo a Xunta no gabinete de precampaña do PP", considerou após a reunión da Xunta de Portavoces a líder do Bloque, Ana Pontón, que cualificou de "evidente" o "uso partidista" da Administración autonómica.

Para a portavoz nacional do BNG "o lóxico sería que os candidatos do PP" non se financiasen "con cargo aos orzamentos da Xunta" xa que Galicia "ten suficientes problemas como para tender un goberno que funcione ao 100%".

Con todo, asegurou que o problema do Goberno de Feijóo non se solucionará "con ningún tipo de cambio nin de substitución" xa que pasa por "un presidente canso, que non ten nin iniciativa nin capacidade".

"CLIENTELISMO CLARÍSIMO"

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, denunciou o "clientelismo clarísimo" do Goberno galego co obxectivo de "beneficiar" a concellos afíns ao PP a través dos mecanismos de financiamento e enmarcou neste tipo de actuación a "sobreactuación" de Feijóo en asuntos como o da débeda do porto exterior da Coruña.

"Ten que ver con isto e coa condición de candidata 'in pectore' da conselleira de Medio Ambiente", sinalou para incidir en que "sería bo para a Xunta e para o conxunto da cidadanía" que se producise "rapidamente" o cesamento daqueles membros do Consello da Xunta que competirán nas eleccións municipais.

Nesta liña, o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, cargou tamén contra o "uso partidista" do Goberno galego para beneficiar os resultados do PP en cidades como A Coruña e Ferrol, feito que se enmarca, na súa opinión, no "tradicional" uso por parte do PP das institucións como "un curral propio".

"É unha política indecente habitual —do PP—", denunciou Antón Sánchez, que criticou que a Xunta non trate do "mesmo modo" aos concellos gobernados polo PP que aqueles que están baixo o bastón de mando doutras formacións. "Se están en campaña, que deixen as súas consellerías e que se dediquen á campaña co diñeiro do PP", apuntou.

"COMENTARIOS ABSURDOS"

En contraposición, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, cualificou estas denuncias de "comentarios un pouco absurdos". "É coma se dixésemos que terían que dimitir todos os concelleiros da marea da Coruña e Ferrol desde os seus actuais postos", sinalou.

Así mesmo, defendeu que os conselleiros están a realizar o seu labor "a satisfacción do presidente e do PP, que é quen os nomea". Ademais, lembrou que "aínda queda tempo para as eleccións e para confirmar quen son os candidatos". "É normal que unha persona que ocupa un posto de responsabilidade política faga política, o que é importante é que faga política boa", apuntou.

DEFENSA DOS INTERESES DE GALICIA

Por outra banda, na rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de Portavoces da Cámara, o portavoz parlamentario do PSdeG asegurou que o PSdeG manterá as súas demandas ao Goberno central e que "sempre que o PP estea nunha posición equilibrada e razoable" atopará aos socialistas "na defensa dos intereses de Galicia".

Con todo, lamentou que "en moitas ocasións isto non sexa así" senón que "demandas que non se trasladaban ao Goberno central cando estaba de presidente de Rajoy, agora son rescatadas con toda a fanfarria para colocar problemas a Sánchez xerados por Rajoy".

"Na medida na que haxa demandas razoables imos estar aí, pero temémonos que o PP se pase á senda da estridencia e do extremismo que está impulsado en España o seu novo líder, o señor Casado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta