A independentista galega María Osório, en liberdade após seis anos no cárcere

Vinculada pola Xustiza a Resistencia Galega, foi recibida este venres por familiares e amigos á súa saída de Mansilla de las Mulas (León).

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/09/2018 | Actualizada ás 12:27

Comparte esta noticia

A independentista María Osório, condenada por pertenza a Resistencia Galega, saíu este venres, 7 de setembro, do cárcere de Mansilla de las Mulas (León), na que estivo seis anos presa.

María Osório, en libedade
María Osório, en libedade | Fonte: Ceivar.

En xuño de 2013, María Osório sentou no banco dos acusados xunto aos presos Roberto Rodríguez  Fialhega, Antom Santos Peres e Eduardo Vigo Domingues. Os cargos que se lle imputaron foron os de pertenza a organización terrorista e falsificación de documentos.

A Audiencia Nacional condenouna, xunto a Antom Santos, a cumprir 10 anos de prisión, fallo que foi recorrido pola defensa ao Tribunal Supremo, que reduciu a condena a sete anos e nove meses.

O tribunal concluíu que Santos e Osório formaban parte da "estrutura que o independentismo radical violento mantén en Galicia" e que participaron en encontros e prepararon a documentación falsificada que portaban os outros dous detidos.

En 2014, Osório estivo en busca e captura ata que foi detida en Ponferrada (León). "Quérenme deter por vivir en dignidade, porque pertenzo a unha xeración de galegos que optou pola loita para dignificar a súa existencia", manifestou por entón a través dunha videoconferencia durante un acto convocado en Santiago para que a independentista explicase a súa situación antes de ser detida.

Precisamente, no cárcere de Mansilla de las Mulas recibiu a visita este ano da eurodeputada  Lídia Senra, quen denunciou a dispersión de presos e reclamou á UE a súa abolición. Respecto diso, censurou que con esta situación viólanse "os dereitos humanos, ao estar os reclusos galegos repartidos en diversos cárceres do territorio estatal por centos de quilómetros das súas familias".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xiz

Benvida de novo á Terra, Maria Osorio!