Conflito no 061 polos servizos mínimos na primeira xornada de paros contra o traslado á Estrada

Os traballadores realizaron unha concentración ás portas do edificio de San Marcos, ata o de agora sede do servizo de emerxencias.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2018 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

A polémica arrincou xa o domingo, cando a CIG emitiu un comunicado no que acusaba á Administración sanitaria, así como ao Grupo Norte (cuxos traballadores se sumaron tamén aos paros), de "non fixar o retén de servizos mínimos" para os períodos de paro, convocados entre as 12,00 e as 14,00 horas, e entre as 19,00 e as 21,00 horas do luns. Ante iso, a Consellería de Sanidade remitiu na mañá deste luns unha resolución administrativa ao comité de folga informándolles da "vixencia do 100 por cen" dos servizos mínimos para esta folga, publicados con anterioridade, algo que foi criticado desde a CIG.

Protesta traballadores 061 polo traslado. COMITÉ DE FOLGA
Protesta traballadores 061 polo traslado. COMITÉ DE FOLGA | Fonte: Europa Press

A Consellería de Sanidade, segundo explicou a través dun comunicado, recibiu o pasado 3 de setembro notificación da convocatoria de paros, de mañá e tarde, para os días 10, 15, 17 e 22 de setembro. Tras examinalos, "constatouse" que tanto as datas como os tramos horarios afectados eran "os mesmos que os da anterior folga, de carácter indefinido" convocada, que dera lugar á publicación no Diario Oficial de Galicia, o 3 de agosto, dunha orde de servizos mínimos do 100 por cen de efectivos para servizos esenciais. Por iso, explicaron desde Sanidade, "non se realizou ningunha tramitación adicional" a esta orde.

Así mesmo, a Xunta, "con independencia da valoración da publicación dunha nova orde" relativa a este retén mínimo, lembra que as características do servizo dispensado fan "imprescindible a prestación de servizos do 100 por cen do persoal habitual nos tramos horarios afectados pola folga" xa que, pola contra, "poderían producirse graves prexuízos á cidadanía".

CRÍTICAS DESDE A CIG

Pola súa banda, a CIG considera que esta orde emitida "tan só 45 minutos antes de iniciarse o primeiro dos paros", constata "a incompetencia" da Consellería de Sanidade ante este conflito e "obriga ao persoal a manter o 100 por cen das presenzas habituais como servizos mínimos, impedindo a presentación de alegacións". Por ese motivo, o sindicato adiantou que presentará unha denuncia. O representante da CIG, Renato Núñez, criticou que "tampouco Grupo Norte" presentase, "até escasos minutos antes de iniciarse a primeira quenda da folga", a listaxe de presenzas no que se recolle que traballadores deben estar no seu sitio. "Unha listaxe que, en todo caso, só di que ten que 'estar todos'", apunta.

"A CIG denunciou esta semana a irregularidade que supuña carecer de decreto de servizos mínimos a 24 horas do inicio dos paros e o propio persoal, para garantir a cobertura dun servizo público esencial como este, acordara, por responsabilidade, organizarse para manter unha presenza durante os paros do 60 por cento do persoal", recollen no comunicado. Ao comezo do primeiro paro convocado este luns, persoal da central de coordinación do 061 protagonizou unha concentración ás portas do edificio desde o que actualmente operan, en San Marcos. Con iso, os traballadores reclaman "condicións dignas e xustas para a xente que se ve afectada por un traslado forzoso á Estrada" e é "obrigada a trasladar o seu posto de traballo máis de 30 quilómetros".

RECLAMACIÓNS

Segundo a CIG, o pasado día 4 de setembro, o Sergas e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias convocou a unha reunión á xunta de persoal para falar sobre o traslado á Estrada. Nesa reunión, a administración "volveu presentar a mesma oferta de compensación" e de condicións de traslado que propuxera no mes de xuño, sen cambio algún, segundo o sindicato.

Ademais, tamén deron a coñecer máis datos sobre o plan de traslado da central de coordinación, que terá lugar o día 2 de outubro na quenda de noite, segundo a CIG. Os puntos nos que máis discrepancias hai son que se recoñeza o tempo de traslado como tempo traballado e que o importe económico da compensación se axuste á "realidade dos gastos que vai ocasionar". A administración oferta 140 euros por 12 meses, cando os gastos de ir á Estada roldan, segundo o sindicato, "os 250 euros nun só mes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta