Folga na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia

Serán tres días de paro para esixir a restitución de seis postos de traballo perdidos nos últimos dous anos. A CIG-Ensino denuncia que desde 2014 este centro perdeu o 20% do seu persoal.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/09/2018 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADG), con sede en Vigo, convoca tres días de folga para esixir a restitución dos seis postos de traballo perdidos nos últimos dous anos Así mesmo, tamén se denuncia o que se considera un "comportamento hostil e arbitrario" do inspector encargado do centro, ao que os traballadores consideran "responsable das decisións de recortes de persoal e empeñado en tratar a ESADG como un instituto de Secundaria, sen ter en conta as especificidades dos estudos que nela se imparten equivalentes ao grao universitario".

Escola Superior de Arte Dramática de Galicia
Escola Superior de Arte Dramática de Galicia | Fonte: ESADG.

Os traballadores aprobaron por maioría convocar para a semana que vén tres días de folga en protesta porque nos últimos dous anos se consumou a perda de seis postos de traballo. En concreto, para este curso académico a dirección do centro reclamaba tres novas vacantes e a Consellería, tras o informe do funcionario da inspección educativa, non só non concedeu ningunha senón que eliminou outras tres adxudicando só 34 interinidades, cando en 2014 chegou a contar con 42.

Esta decisión chegou nun momento no que, segundo os traballadores, se incrementou considerablemente o número de alumnado matriculado nos primeiros cursos e no que en certas especialidades como dirección escénica ou dramaturxia, após os peores anos da crise económica, xa está estabilizado.

O claustro do centro atribúe estas decisións ao que, di, é o "particular asañamento" do inspector encargado desta área, Gustavo Lorenzo Prozzo, que "se manifesta na intromisión nas prazas solicitadas, cambiando nalgúns casos o seu perfil, no acoso aos cargos directivos e no menoscabo á autoridade do profesorado".

Así mesmo, acúsano de "aplicar a normativa dun instituto de Secundaria nun centro no que se imparten estudos superiores", equivalentes ao grao universitario coas particularidades que teñen estas ensinanzas.

A CIG-Ensino apoiará durante estes tres días de folga as diversas concentracións de protesta, organizadas polo persoal da ESADG, para reclamar a adxudicación das vacantes solicitadas e que se celebrarán nos seguintes lugares: o luns 17, concentración ás 12.00h diante do Edificio da Xunta en Vigo, e o martes e mércores, concentracións ás 11.00h na Xefatura Territorial de Pontevedra.

Temas: VIGO FOLGA ESADG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A ver se con esta folga alguén se entera de que existe esta ESCOLA en Vigo !!!