Denuncian que a maioría dos concellos carece de departamentos de normalización lingüística

A CTNL reclama crear unha rede profesional e estable de servizos de normalización lingüística e mellorar a situación laboral dos seus traballadores.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/09/2018 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

As entidades locais galegas teñen atribuídas competencias en materia de normalización lingüística mais desenvólvenas de forma dispar. É a denuncia que fai a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) da que salvan ás deputacións e medio cento de concellos. “Esta escaseza de persoal técnico compleméntase cunha inestabilidade laboral xeneralizada”, engade.

Curso de verán do CTNL en Carballo
Curso de verán do CTNL en Carballo

Por iso, a CTNL reclama máis implicación das institucións para crear unha rede profesional e estable de servizos de normalización lingüística e mellorar conxuntamente o labor de promoción do uso e o prestixio da lingua.

O pasado mes de xuño, a Dirección Xeral da Administración Local e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentaron o Informe sobre a prestación do servizo de normalización lingüística pola Administración local en exercicio de competencia propia, un documento elaborado co obxectivo de aclarar calquera dúbida respecto da competencia das administracións locais en materia de normalización lingüística. A conclusión do informe é que “tanto a Xunta de Galicia como as entidades locais de Galicia teñen atribuídas competencias en materia de normalización lingüística”. 

Con todo, a CTNL asegura que  a maioría das entidades locais de Galicia non conta con persoal técnico que as asesore e as guíe para desenvolveren esta competencia de promoción do uso e do prestixio da lingua. Ademais, critican a inestabilidade laboral xeneralizada nas administracións locais para os traballadores da lingua.

Así, sinala que despois de 35 anos da aprobación da Lei de normalización lingüística (LNL) son aínda minoría os concellos que contan cun departamento técnico para traballar a prol da normalización da nosa lingua “e case anecdóticas” as entidades locais que teñen este departamento totalmente estabilizado, é dicir, cuberto con funcionarios/as de carreira ou persoal laboral fixo.

SITUACIÓN LABORAL

“Só arredor dunha vintena de SNL está baixo a responsabilidade de persoal laboral fixo ou funcionario; a maioría dos SNL que teñen certa continuidade depende de contratos temporais ou indefinidos e outra parte deles pasa da existencia á inexistencia en cuestión de meses, con contratos tan breves”, indica.

“Son tan poucos estes casos que podemos enumeralos en catro liñas: as catro deputacións, nove concellos na provincia da Coruña, sete na de Pontevedra (tampouco todos con funcións de dinamización lingüística), e ningún nas provincias de Ourense e Lugo. Nos últimos cinco anos só se consolidou unha praza, no Concello de Redondela, e farao proximamente outra no de Abegondo”, engade.

A CTNL denuncia que moitos outros concellos non prevén crear proximamente SNL, nin temporalmente nin de forma continuada, a pesar de contaren coa posibilidade de solicitar axudas das deputacións da Coruña e Pontevedra que lles permitirían dotarse dun departamento técnico.

Por iso, reclma unha implicación maior das entidades públicas no proceso de normalización lingüística. Pide que as catro deputacións e a Xunta favorezan e impulsen a constitución dunha rede de SNL en todo o país e aos concellos que “teñan a valentía” de constituír equipos lingüísticos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta