A Xunta pecha a tramitación ambiental da planta de Casalonga logo do informe negativo do Concello de Teo

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio anunciou o arquivo do procedemento de tramitación ambiental sobre o proxecto da planta de residuos que a empresa Toysal pretendía construír na antiga mina de Casalonga, situada no municipio coruñés de Teo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2018 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

Nun comunicado emitido este xoves, a Xunta informa que a decisión se produce logo de recibir o informe negativo de compatibilidade urbanística por parte do Concello de Teo (A Coruña), polo que queda pechada a tramitación ambiental do proxecto por parte do Goberno galego, requisito indispensable para que a planta se poida levar a cabo.

Canteira de Casalonga
Canteira de Casalonga | Fonte: Plataforma Casalonga Limpa de Residuos

Así, o departamento que dirixe Beatriz Mato lembra que a 'Lei galega de prevención e control integrados da contaminación' establece que "o concello no que se pretenda localizar unha instalación de tratamento de residuos deste tipo deberá emitir un informe urbanístico que será totalmente vinculante, xa que determinará o avance do resto da tramitación".

Deste xeito, a Xunta sinala que o pasado 4 de setembro recibiu de mans do consistorio teense o informe urbanístico de incompatibilidade co proxecto da planta de residuos de Casalonga, polo que, agora, Medio Ambiente asina a resolución coa que finaliza o procedemento administrativo e quedan arquivadas "todas" as actuacións realizadas até este momento.

REXEITAMENTO SOCIAL

O proxecto promovido pola empresa Toysal --con sede en Vigo-- para a creación dunha planta de xestión e tratamento de residuos nas antigas instalacións da mina de Casalonga xerou alarma social entre os veciños da zona, que se mobilizaron en varias ocasións en protesta pola posibilidade de que a planta se leve a cabo.

A Consellería de Medio Ambiente tamén informa que a responsable da área de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, manterá un encontro cos veciños da zona e membros da corporación municipal a próxima fin de semana para trasladar de primeira man "as últimas novidades e cal é o estado actual do expediente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta