Feijóo presume dos "recursos cos que contan os profesionais" da sanidade pública

Di que comparecerá na comisión sobre os recortes da sanidade. Esgrime, sobre se tamén participará na investigación parlamentaria do Marisquiño, que neste caso non cre ter "responsabilidade directa".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/09/2018 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pedirá comparecer na comisión que investigará no Parlamento de Galicia, impulsada pola oposición, os "recortes" na sanidade galega e casos como a morte en agosto dun paciente nunha PAC da Estrada ou as dúbidas sobre o tratamento a enfermos de Hepatite C en Galicia. "É unha honra defender con que recursos contan os profesionais da sanidade", dixo.

Feijóo, após o Consello da Xunta. XUNTA DE GALICIA - Archivo
Feijóo, após o Consello da Xunta. XUNTA DE GALICIA - Archivo | Fonte: Europa Press

Ratificouno este xoves o propio Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Previamente, subliñou que hai dúas comisións de investigación que se porán en marcha "a proposta da oposición" --en alusión á de sanidade e á que busca aclarar o ocorrido no accidente do Marisquiño en Vigo (esta última facilitada polo PPdeG coa súa abstención)--.

Nesta conxuntura, o presidente deu por feito que "a calquera galego que lle interese o mundo parlamentario" se sentirá "satisfeito" e incidiu en que unha situación similar, baixo o seu punto de vista, sería "inconcibible" no Concello de Vigo, que goberna o socialista Abel Caballero e vetou a investigación sobre O Marisquiño no ámbito local.

CRÍTICAS Á OPOSICIÓN

En canto ao órgano que se centrará nos "recortes" sanitarios no Pazo do Hórreo, remarcou que a oposición ten "o seu dereito" a activala porque así llo recoñece o regulamento após a súa reforma, aínda que lembrou que, cando el dirixía a oposición "con maioría absoluta menos un", non só "non se permitía" investigar ao bipartito senón que se investigaba "o feito polo Goberno anterior".

Manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública
Manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública

Ademais, afirmou ter "a sensación" de que este órgano se pon en marcha "só para compensar o enfado dalgún político ao que tanto temen os partidos no Parlamento galego", en velada alusión a Caballero. Pero, en todo caso, reafirmouse en que a comisión lle parece "unha magnífica oportunidade para falar a sanidade pública".

"Agradezo a oportunidade que se nos dá e, con independencia do que soliciten os grupos da oposición (que xa solicitaran que Feijóo participase), eu pedirei comparecer. Creo que o presidente ten que defender os recursos da sanidade pública e como traballan os profesionais. Para min será unha honra", sentenciou.

SEN "RESPONSABILIDADE DIRECTA"

Ademais de recalcar que Caballero ten "unha gran oportunidade" na comisión do Marisquiño e, ante a insistencia dos xornalistas acerca de se el mesmo comparecerá, lembrou que inicialmente se puxo "en discusión" se os populares querían "tapar as responsabilidades" da Xunta e do Porto de Vigo evitando que houbese comisión.

Subliñou que non foi así e engadiu que o Goberno galego "non" ten "nada que vetar". "Se se pon en dúbida a actividade da Xunta, imos comparecer e non o imos a vetar", esgrimiu. En todo caso, preguntado sobre se el comparecería en primeira persona, defendeu que el dá o paso na de sanidade porque entende que ten "unha responsabilidade directa como presidente".

En cambio, contrapuxo que, nun accidente vinculado "cunha licenza que dá un concello de Galicia", interpreta que "non" ten "ningunha responsabilidade" de actuación, máis aló de felicitar a actuación de "todos os servizos sanitarios e de emerxencias naquela noite fatídica". Ademais, aproveitou para atacar a Caballero e dixo que é o responsable de que "media España se ría dos galegos" polos seus "shows" coas luces de Nadal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta