Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/09/2018 | Actualizada ás 14:12
“A falta de medios persoais e técnicos axeitados por parte da consellería para desenvolver a unha campaña destinada a fomentar o consumo de produtos do mar entre a poboación xuvenil, fai preciso levar a cabo a contratación do servizo correspondente”. Así xustifica a Consellería de Pesca a contratación dunha empresa que xestione a nova campaña de publicidade nos medios de comunicación tradicionais de case 250.000 euros destinada ao consumo de produtos procedentes da pesca e da acuicultura entre a poboación máis moza.
Esta é a sexta campaña publicitaria que leva a cabo esta consellería que nos últimos meses destinou milleiros de euros para a realización de numerosas campañas de promoción de peixes entre distintos segmentos de poboación. Entre elas están “mar Achega”, “o sabor da aventura está no mar”, “Ponlle as pilas ao teu bocata” e a difusión de marcas como “PescadeRía ¿de onde se non?”, “Mexillón de Galicia” ou mesmo determinados produtos coma o polbo ou o bonito.
Pero este departamento “botaba en falla” unha campaña destinada a fomentar o consumo de produtos do mar entre a poboación xuvenil”. “Consideramos fundamental chegar á xente nova xusto na franxa de idade na que se atopa en plena fase de formación profesional e/ou emancipación”. Por iso, lanzou esta nova campaña de 242.000 euros que repartirá entre os grandes medios.
COINCIDENCIA COAS MUNICIPAIS
Esta campaña realizarase nos meses que quedan do 2018 e boa parte dos de 2019. Precisamente, na primaveira do vindeiro ano están previstas eleccións municipais que poden mudar boa parte do panorama político galego xa que o PP quere “reconquistar” as deputacións de Lugo, Pontevedra e A Coruña.
Ademais de Pesca, tamén a Consellería de Facenda tamén destinará máis de 1,2 millóns de euros en distintas campañas. Este departamento xustifica estas accións publicitarias “co fin de dar a coñecer á cidadanía os servizos públicos, moitos deles esenciais para a sociedade” e pra que “sexan desfrutados polo maior número de cidadáns”.
DIFUSIÓN DOUTRAS ACTIVIDADES
Neste sentido apunta que as campañas propagandísticas previstas durante o 2018 son catro. Entre elas as de dar a coñecer os servizos públicos para “poñer en valor o catálogo de servizos públicos” ou o de divulgar o Programa Operativo FEDER e o do Programa Operativo Fondo Social Europeo para “sensibilizar á sociedade no seu conxunto dos beneficios destes recursos”. Ademais publicitará a Axencia Tributaria de Galicia para “sensibilizar á cidadanía e informala respecto as súas actividades”.
Finalmente, a Secretaría Xeral de Medios tamén contratou unha campaña para o vindeiro 4 de outubro, Día Internacional dos Animais, por valor de 123.440 euros. Un diñeiro que vai destinado íntegramente aos medios de comunicación tradicional, é dicir, La Voz, Faro de Vigo e os distintos medios e emisoras provinciais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.