O Pleno de Vigo pide dimitir a Mato por "incumprir" o convenio de captación no Verdugo

Pide executar a obra "por vía de urxencia" e rexeita pedir a declaración de interese xeral. O goberno de Vigo rexeita a comparecencia de Abel Caballero en Pleno para falar do accidente.

Por E.P. | VIGO | 26/09/2018 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este mércores, cos votos favorables do PSOE, a abstención do PP e o voto negativo de Marea, unha moción na que se insta á Xunta a acometer "pola vía de urxencia" a obra de captación de auga no río Verdugo, e na que se pide a dimisión de Beatriz Mato como "responsable directa" de "incumprir" o convenio acordado para levar a cabo esa actuación e atrasar a súa tramitación.

Abel Caballero en rolda de prensa
Abel Caballero en rolda de prensa

O concelleiro de Fomento, Javier Pardo, defendeu que a Xunta "debe exercer as súas competencias" e "cumprir as súas obrigacións", entre as que están "a ordenación do abastecemento de auga en alta" e a execución de obras hidráulicas para garantir a subministración. Así mesmo, lembrou que xa existía un convenio acordado para realizar unha captación de emerxencia no Verdugo e aumentar o fluxo de auga ao sistema da presa de Eiras, polo que instou á Xunta a executalo. Finalmente, o edil socialista reclamou a dimisión da conselleira de Medio Ambiente, "e actual candidata do PP á alcaldía da Coruña", Beatriz Mato, "como responsable directa do atraso na tramitación das obras necesarias para garantir a subministración de auga á cidade de Vigo".

"A AUGA NON É DE VIGO"

Pola súa banda, o concelleiro de Marea, Xosé Lois Jácome, incidiu en que "hai medidas que se poden tomar antes de facer un transvasamento", e mencionou a importancia de mellorar as infraestruturas de subministración, reducir as fugas na rede, ou implantar unha tarificación por consumo real que favoreza o aforro e o consumo responsable. "A auga non é de Vigo, é de toda a conca hidrográfica", engadiu, á vez que lembrou que hai dous municipios afectados por esa eventual obra, Pontecaldelas e Soutomaior, que anunciaron accións xudiciais se se leva a cabo, por ser unha "salvaxada ambiental".

DECLARACIÓN DE INTERESE DE INTERESE XERAL

Mentres, a concelleira do PP, Teresa Egerique, pediulle ao goberno vigués que, ademais de "esixir obrigacións a outras administracións, cumpra as súas", e realice melloras no sistema, na potabilizadora, fomente o consumo e o baldeo responsable, e "cobre pola auga que se consome realmente". A isto, sumou a puntualización de que "o consenso con outros municipios afectados é importante". Así mesmo, o seu grupo presentou unha emenda na que insta o Concello a tramitar un plan integral de mellora do abastecemento, e que pida que sexa "declarado de interese xeral", para que se poida acceder a recursos do Estado e da UE.

En resposta a Egerique, o goberno municipal rexeitou a emenda e preguntoulle aos 'populares' "onde estaban cando gobernaba o PP". Con respecto ao consenso con outros concellos, Javier Pardo proclamou: "Que consenso? Estamos de broma? A Xunta necesita consenso para gobernar? Tívoo cando construíu o hospital privado?".

REXEITAMENTO PARA A COMPARECENCIA DE CABALLERO

O Pleno do Concello de Vigo rexeitou este mércores, grazas aos votos contrarios do grupo de goberno (que ten maioría de edís) a moción do PP que reclamaba a comparecencia do alcalde, Abel Caballero, para dar explicacións acerca das responsabilidades políticas municipais no accidente do Marisquiño. A portavoz dos 'populares', Elena Muñoz, foi a encargada de defender esta moción, durante cuxo debate o alcalde non estivo presente (Caballero ausentouse a maior parte do pleno, cedendo a dirección do mesmo primeiro a Carmela Silva e, posteriormente, ao concelleiro Javier Pardo).

Muñoz, ademais de criticar a "máxima covardía política" do rexedor por "nin sequera ter a decencia de estar" no Pleno, lembrou que, 45 días despois do sinistro, no que resultaron feridas máis de 460 persoas, a cidade "segue esperando explicacións do alcalde". "Aquí hai responsabilidades por omisión e neglixencias", incidiu, e denunciou que Caballero "fixo todo o posible para que o accidente se producira".

Así, subliñou que o alcalde debería comparecer para explicar, entre outras cuestións, "por que non se deu unha licenza global para todo o festival", "por que non se fixeron as comprobacións de seguridade, se se sabía que o paseo estaba en mal estado", ou "por que non houbo un control de aforamento" do concerto durante o que se produciu o accidente. Segundo aseverou Elena Muñoz, "se non hai nada que ocultar, non debería haber problema para que comparecese o alcalde", xa que "os vigueses teñen dereito a coñecer a verdade". Unha verdade que "se vai a saber ao final", e o goberno vigués "terá que asumir as súas responsabilidades políticas".

"DELIRIO DE COMISIÓNS"

Pola súa banda, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, lamentou que a oposición tivese que empregar "até tres mocións" para instar o goberno de Caballero a dar explicacións e a pór en marcha mecanismos de investigación política, e criticou que, en lugar de debate político, optase por un "delirio de comisións", como a que pediu para investigar a relación de Feijóo con Marcial Dorado.

A pesar de que o seu grupo votou a favor da moción do PP, Rubén Pérez insistiu en que unha comparecencia do alcalde non sería efectiva. "Eu, para escoitar un mitin de Abel Caballero, non veño", sinalou, e reiterou a necesidade de crear unha comisión de investigación municipal, na que comparezan non só políticos, senón principalmente técnicos para aclarar as circunstancias do sinistro e as medidas a tomar para que non se repita. Ademais, o portavoz de Marea, advertiulle ao goberno municipal de que non pode pretender "apagar" o debate do Marisquiño tentando desviar a atención dos medios de comunicación cara a outros temas, porque "é algo do que se fala na rúa". "É un debate que haberá que afrontar nalgún momento", apostilou.

"DECIDIRÁ A XUSTIZA"

Mentres, o goberno municipal xustificou o seu rexeitamento á comparecencia do alcalde alegando que a moción do PP baséase nun "interese político partidista" de atacar a Abel Caballero. Ademais, incidiu en que "a actuación do concello foi absolutamente impecable", que o accidente se produciu "nunha zona claramente portuaria" e en que "corresponde á xuíza e á Fiscalía encargarse de ver que ocorreu". "Decidirá a Xustiza", concluíu o portavoz do PSOE, Carlos López Font.

O concelleiro do goberno vigués, por outra banda, volveu a criticar a ausencia de Feijóo no lugar e momento do accidente (aínda que el mesmo, concelleiro de Seguridade, tampouco estivo presente), e denunciou que, ao PP, "pouco impórtalle" o accidente, que utiliza como "estratexia para atacar ao alcalde".

CRÍTICAS A BNG E EN MAREA

Nesa liña, cargou tamén contra BNG e En Marea, formacións que impulsaron a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente no Parlamento. "Atopámonos coa pretendida esquerda, o falso progresismo de BNG e En Marea, que nesta operación política aliáronse coa dereita máis dura, a de Feijóo, que se paseou cun narcotráficante e só ten un obxectivo: afundir ao alcalde de Vigo", proclamou.

Segundo apuntou Font, esta actuación "lembra a cando se botou a un alcalde socialista (en alusión a Ventura Pérez Mariño) por un pacto entre PP e BNG, pero con este alcalde non o van a conseguir". "E que tomen nota BNG e En Marea, que isto terá consecuencias políticas", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta