O gran reto do novo conselleiro de Medio Rural: aplicar máis de 100 medidas contra incendios

José González deberá buscar o consenso no futuro plan forestal, resolver os conflitos laborais dos axentes forestais e do persoal da empresa pública Seaga, e traballar pola rendibilidade de explotacións nun rural en abandono.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/09/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O novo conselleiro de Medio Rural, o ourensán José González, pasará nuns días de pechar como deputado no Parlamento o ditame resultante da comisión de estudo forestal e sobre incendios —creada a raíz a vaga de lumes de outubro de 2017—, na que se inclúen máis dun cento de recomendacións, a ter que levar a cabo a súa aplicación á fronte deste departamento.

Inferno desatado en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Inferno desatado en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

As conclusións deste acordo non lograron o consenso unánime da Cámara, ao desmarcarse En Marea e BNG delas, aínda que tivo o apoio do PSdeG para aprobar un texto que José González defendeu no seu día como "valente" para resolver problemas "estruturais".

"Non queremos que sexa un brinde ao sol", afirmou sobre este ditame a finais de xullo con motivo da conclusión da comisión parlamentaria, e agora parte da súa tarefa será que así sexa, sobre todo despois de que o acordo incluíse que a Xunta deberá render contas no Parlamento sobre cumprimento destas medidas.

Algunhas destas recomendacións pasan por: determinar que parcelas están abandonadas en Galicia; crear un grupo de expertos que antes do período de alto risco de 2019 estableza melloras para o servizo de extinción; pór en marcha un ente instrumental específico que coordine a todas as administracións en materia de prevención de incendios e vixilancia de incumprimentos; así como apostar pola multifuncionalidade do monte, as frondosas autóctonas e a gandaría en extensivo.

PLAN FORESTAL E CONFLITOS LABORAIS

Unha das cuestións que deberá afrontar proximamente será o futuro plan forestal, que prevé duplicar a produción de madeira nos próximos 20 anos, no que deberá axuntar distintas sensibilidades do sector forestal, mentres comuneiros e diversas entidades xa se manifestaron este ano en contra do texto.

Nas súas intervencións parlamentarias, González defendeu que o borrador do plan é "un bo documento de partida", aínda que se mostrou "aberto a traballalo" para "acordar o modelo" do monte galego para os próximos 20 anos.

Todo iso, á vez que José González se atopa sobre a mesa con conflitos laborais abertos como as folgas indefinidas que manteñen os axentes forestais, que reclaman melloras nas súas condicións, e o persoal da empresa pública Seaga, que demanda que se teña en conta a súa experiencia profesional para optar ás listas de contratación do servizo de extinción (Spdcif).

DEBERES

Entre os deberes que lle poñen sindicatos e sectores do mundo rural atópase a petición dun cambio de políticas para evitar "o desastre" no campo ante o aumento do abandono e o despoboamento. Así o apunta a secretaria xeral do Sindicato Labrego Isabel Vilalba, quen pide ao novo conselleiro "non ser continuista coas políticas" que "levaron a Galicia até aquí", "coa evidencia de que o rural camiña cara ao desastre a nivel demográfico, social e económico".

Sobre este extremo, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, remarca que é "importante" saber que modelo vai seguir Galicia nun momento de crise demográfica e de "rendibilidade de prezos" das explotacións.

Nesta liña, Isabel Vilalba chama a que se aposte pola incorporación de mozos ao rural, así como que se facilite o acceso a terras, xa que censura que Galicia conta coa "menor superficie agraria útil de Europa", e pide que se reduzan as "trabas" burocráticas.

Así mesmo, Roberto García pon o foco sobre os produtores lácteos galegos e demanda traballar na "materia pendente" de reforzar a súa fortaleza negociadora fronte ás industrias, así como mellorar o que cobran por litro nun contexto de subida xeneralizada de prezos na UE que non se traducen en Galicia.

Sobre o novo conselleiro, o líder de Unións Agrarias di "xulgar polos feitos e non polas aparencias", aínda que valora o seu talante de "diálogo". "A verdadeira cara do que pensa ímola ver agora", afirma.

Aínda que Isabel Vilalba considera que o ditame saído da comisión de incendios "é moi pobre", espera que sirva para que se cumpran cuestións que "a lexislación xa prevía pero que non se cumprían", como erradicar a forestación de terras agrarias e acabar co "monocultivo" de eucalipto.

DINAMIZACIÓN DO RURAL

José González, inspector de Facenda ligado á adega Casal de Armán, é deputado do PPdeG na Cámara galega desde 2016. É socio do Foro Económico de Galicia e participou en varios informes sobre a situación do rural galego.

Precisamente, nun documento presentado en novembro de 2017 no que participou había receitas para esa dinamización que lle demandan os sindicatos, con propostas como reforzar cabeceiras de comarca, mellorar a rede de servizos a través da mancomunidade e "priorizar" investimentos fronte aos dereitos de propiedade da terra.

Por aquel entón, González apelou ao "entendemento" entre os donos das leiras e "aqueles que queiran usar esas terras" para favorecer esa mobilidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta