O BNG cre que Feijóo chega "esgotado" ao debate da autonomía após un "decenio negro"

Pontón acusa o presidente de "falta de respecto" a miles de galegos que non chegan a fin de mes, que están en paro ou en risco de pobreza.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 01/10/2018 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, chega "esgotado, sen ideas nin propostas" e "aburrido" ao debate sobre o estado da autonomía, que se celebrará a semana que vén. "Case podemos dicir que pasa literalmente de Galicia", denunciou.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG | Fonte: Europa Press

En rolda de prensa este luns, Pontón interpretou que esta situación obriga a "un cambio de rumbo", após un "decenio negro" para o emprego, a igualdade e os dereitos na comunidade galega, cos populares á fronte do Goberno.

Para a nacionalista, Núñez Feijóo supuxo "máis desigualdade, máis paro e máis precariedade". É, na súa opinión, "un gran propagandista", pero un "pésimo presidente". Os seus mandatos, a xuízo de Ana Pontón, conduciron a Galicia á "irrelevancia política", ademais de achacarlle a existencia duns servizos públicos "deteriorados" a pesar de multiplicar por tres a débeda pública, segundo os seus números.

"FRACASO"

A este balance de "fracaso" que fai o Bloque, Feijóo "chámalle estabilidade política", o que para a líder nacionalista "parece unha broma" e é unha "falta de respecto" a miles de galegos que non chegan a fin de mes, que están en paro, en risco de pobreza ou que tiveron que emigrar durante os últimos 10 anos.

O titular do Executivo autonómico está a colocar a Galicia "á cola" no mercado de traballo mentres outras comunidades están "a recuperar emprego", resaltou Pontón. Por iso, e tamén fronte a "problemas estruturais" como a "sangría" demográfica e o financiamento autonómico, xunto a outros como o do "decreto antigallego no ensino" e a "manipulación informativa" nos medios públicos, o BNG avoga por ese "cambio de rumbo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta