Unha pregunta incómoda

Sepáranme da miña compañeira mais de 18.000 quilómetros. Cando a miña xornada comenza a dela remata. Grazas ás novas tecnoloxías podemos falar un par de veces ao día e iso axuda a levar algo mellor esa distancia enorme. Hai un días fíxome un par de preguntas. Unha era por que levaba tanto tempo sen escribir. A resposta era doada. As miñas obrigas profesionais nos últimos meses consumen a maior parte do meu tempo, apenas queda nada para a lectura, para estar ao día do que acontece máis alá dos deberes máis urxentes.

Por Emilio Martinez | Lugo | 08/10/2018

Comparte esta noticia
A segundo pregunta foi realmente difícil de contestar. Preguntoume por qué nunca escribira sobre violencia de xénero. Unha pregunta incómoda, como todas aquelas que non teñen unha resposta doada.
 
Cando escribo tento buscar un certo punto de equilibro, non tanto no que digo, xa que a maior parte das veces defendo posturas que poden ser controvertidas (non tento fuxir da polémica), pero sí en como digo as cousas. Estou convencido de que case sempre se pode defender con firmeza unhas ideas, pero sen caer no insulto de balde, na desconsideración, na falta de respecto persoal aos quen non pensan coma nós.
 
Pero cando penso na violencia de xénero, en calquera das múltiples formas nas que esta se manifesta, non son quen de manter ese equilibro que me impoño. Tanta é a carraxe que sinto, por impotencia, ante a situación na que viven milleiros de mulleres, centos de milleiros de mulleres tódolos días, e moitas delas, seguro, perto de min: na miña mesma cidade, no meu mesmo bairro, na miña rúa, e tal vez no edificio onde teño a miña casa.
 
Todos e todas o sabemos. Os casos de violencia contra as mulleres, os viles asasinatos delas e dos seus fillos ou fillas, que desgraciadamente moitos días nos sacoden ao escoitar as novas na radio ou abrir un xornal, son apenas a minúscula punta dun inmenso iceberg, verdadeiramente inmenso.
 
Falamos dunha situación de minusvaloración que se produce e reproduce sen fin: do eco que teñen os bulos de que unha parte importante das denuncias por violencia de xénero son falsas; da cosificación da muller que está tan enraizada da nosa sociedade: dende o dereito que uns asumen que teñen a comprar un corpo e usalo ao seu antollo ata o uso como reclamo do corpo dunha muller...
 
Hai xa algunhas semanas a sociedade reaccionou unha vez máis, de forma masiva, ao coñecerse a sentenza sobre La Manada. Esa sociedade voltou a reaccionar pouco despois ante a posta en liberdade desas alimañas pola insensibilidade coa que unha casta xudicial retrógrada compórtase ante os crimes contra as mulleres.
 
As mobilizacións poñen en evidencia que hoxe estamos inmersos nunha loita que nos vai levar anos, seguramente estamos ante o reto social colectivo de maior envergadura ao que nos enfrontamos como sociedade, un reto no que todos e todas estamos implicados e implicadas. 
 
Erradicar a violencia de xénero é posible. Pero non é doado. Nos últimos decenios a nosa sociedade deu pasos na dirección de ser unha sociedade mellor, máis igualitaria, máis inclusiva, máis preocupada polo entorno… pero pasos moitas veces desiguais, e pasos que moitas veces poñen en evidencia o moito que nos queda por avanzar.
 
A violencia de xénero debe abordarse como o que é: un problema multidimensional complexo, con implicacións culturais, sociais, económicas, psicolóxicas, legais, policiais…
 
A súa abordaxe debe abranguer tódalas modificacións legais precisas, dende tipificar mellor os delitos a endurecer as penas; mellorar a formación do corpo xudicial e a súa sensibilidade coas vítimas; dotar de medios e de formación aos corpos policiais, incrementando as súas unidades especializadas; mellorar a dotación dos servizos sociais e de atención á muller; incrementar as campañas de comunicación social e facer partícipe á comunidade educativa, impulsar as actividades das organizacións de mulleres…
 
Non é de recibo que maltratadores sigan a ter a permisos para ver aos seus fillos, non é de recibo que criminais gocen de permisos de fin de semana ou prisións atenuadas ao pouco tempo de segar a vida de inocentes...
 
É imprescindible a mobilización social, e sobre todo é imprescindible a mobilización de cada un de nós de forma individual: mobilizarnos dentro dos nosos círculos de amigos, dentro da propia familia, no entorno laboral.
 
A violencia de xénero maniféstase de mil formas. E ante ningunha delas debemos quedar calados. O silencio fainos cómplices.
 
Estou seguro que case todos e todas observamos nalgún momento situacións que eran síntoma de que algo non estaba ben: dende insultos velados nas relación de parella, situacións de control abusivo, desconsideracións, ameazas… e ante elas tal vez nalgunhas actuamos e noutras preferimos mirar para outro lado… Acabar coa violencia de xénero, e repito que esta se manifesta de mil formas,esixe que nunca miremos cara a outro lado, que nunha quedemos en silencio.
 
Todos e todas temos que ser parte activa, dar todo o apoio a quenes son vítimas, ás veces iso significa convencer a unha persoa de que debe facer unha denuncia ante a policía ou a garda civil, acompañala, convencela de que deixe a súa parella, crear grupos de apoio para que non se sinta soa, para que non se sinta aterrorizada ante o medo a represalias… As veces significa pararlle os pes a alguén, e as veces significa saber que hai persoas que non merecen a nosa amizade, que hai comportamentos que son noxentos e así debemos manifestalo.
A violencia de xénero só pervivirá se preferimos a comodidade de mirar para outro lado. Hai cousas de parella que non son só cousas de parella. O acoso, a violencia, as agresións, da igual onde se produzan, sempre son cousas de todos e de todas. Cando vivimos nunha sociedade onde tantas veces nos dixeron que non nos metéramos en leas, que deixáramos pasar, que eran cousas de “porta para adentro”, o grande reto é cambiar esa forma de pensar. O problema non é só desa muller ou desa moza que o sufre directamente, o problema é de todos nós.
 
E remato o artigo dicindo o que penso: aos asasinos de mulleres, aos asasinos de nenos, aos violadores: nin esquecemento, nin perdón. Por respecto ás vítimas, simplemente. Por respecto á sociedade na que queremos vivir, onde eles non teñen sitio, nin o mais mínimo sitio. A Xustiza ás veces ten que ser dura, tremendamente dura. A Xustiza ás veces, para ser xusta, ten que ser despiadada. Non merecen outra cousa.

Recreando un caso de violencia de xénero
Recreando un caso de violencia de xénero | Fonte: Getty Images.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.