Tensión e críticas a Feijóo por "manipular" o significado de 'A derradeira leición do mestre' de Castelao

A obra de Castelao xa se expón na Cidade da Cultura tras un discurso de benvida do presidente galego que xerou malestar entre a oposición, por omitir que o cadro é unha "crítica contra a represión e os axustizamentos fascistas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2018 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

'A derradeira leición do mestre', unha das obras máis simbólicas e recoñecidas do intelectual galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, chegou para ser exposta en Galicia e na súa recepción na Cidade da Cultura suscitouse a polémica e mesmo se deron momentos de tensión despois do discurso de benvida que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, pronunciou ante o cadro.

Galicia recibe 'A derradeira leición do mestre'
Galicia recibe 'A derradeira leición do mestre' | Fonte: Europa Press

No acto de desembalaxe da obra, que viaxou desde Arxentina a Galicia protexido por importantes medidas de seguridade, estivo presente Feijóo, pero tamén o vicepresidente do Parlamento, Diego Calvo; e os portavoces de todos os grupos con representación na Cámara: Pedro Puy (PPdeG), Luís Villares (En Marea), Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Ana Pontón (BNG).

Unha vez finalizada a desembalaxe, do que se ocuparon catro técnicos, e xa colocado o cadro, Feijóo pronunciou unhas palabras e congratulouse de poder "incrustar no corazón da cultura galega contemporánea" unha obra que identificou coa "defensa da educación fronte ao fanatismo" que lembra que "unha educación en liberdade é o medio para a promoción dos valores democráticos".

O presidente galego rememorou o papel de Castelao no exilio e a súa loita "contra a inxustiza", antes de incidir en que a obra "lembra o que xamais debe volver pasar". Con todo, no seu discurso non houbo referencias máis expresas ao significado do cadro ligado á "crítica contra a represión e os axustizamentos fascistas", como non tardou en afearlle a oposición.

E é que 'A derradeira lección do mestre' simboliza o pranto de dous nenos ante o cadáver fusilado do seu mestre. Historicamente sublíñase que Castelao puido buscar con esta obra render homenaxe aos mestres perseguidos polo réxime franquista e, máis en concreto, ao nacionalista Alexandre Bóveda, que foi executado.

Nesta conxuntura, a polémica non tardou en producirse e, nada máis rematar de falar o presidente, a primeira en apartarse da foto de familia foi a deputada de En Marea Ánxeles Cuña, quen trasladou a un asesor presente no acto que "non" quería saír nesa imaxe. Minutos despois e elevando o ton de voz, Villares dirixiuse ás cámaras para lanzar duras críticas a Feijóo.

"O MESTRE QUE APARECE FOI ASASINADO"

"O primeiro é lembrar que o mestre que aparece nesta obra foi asasinado, palabra que non foi mentada por Feijóo; e evoca a Alexandre Bóveda. Este cadro debe lembrarnos que temos unha conta pendente con todos os galegos asasinados, 'paseados', humillados, e coas violadas...", esgrimiu Villares, na mesma liña que Pontón.

De feito, esta explicou que lle fixo saber ao presidente galego mentres observaban o cadro após a súa intervención, que o seu discurso "ocultaba e manipulaba" o seu significado. Tamén Leiceaga aproveitou para manifestar que o PSdeG desexaría que a chegada simbolizase "un maior compromiso futuro da Xunta coa recuperación da memoria histórica e coa eliminación da simboloxía franquista".

O popular Pedro Puy incidiu na importancia de que o cadro estea por primeira vez en Galicia "para o que é a reconciliación entre o pasado e as xeracións actuais". "Debemos estar moi agradecidos ao Centro Galicia de que todos os galegos poidan gozar e aprender de 'A derradeira leición do mestre'", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 roke

De pena con istos facistas petulantes e por riba na ciudade da incultura,para rirse de Castelao....

1 Jorge

Feijóo explicando a Castelao e dando medallas Castelao, qué triste.