O poema que Añón escribiu tras un tráxico accidente de tren en 1873, na RAG

O Arquivo da Academia recibe unha doazón de correspondencia e manuscritos poéticos de Francisco Añón. Entre eles o do accidente deste tren que deixou 21 mortos e 58 feridos.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/10/2018 | Actualizada ás 21:05

Comparte esta noticia

Maldigo o ferro carril, / carros con lume e vapor, / que cal lóstrego sutil, / arrebatan de Madril / o meu amigo millor”. Francisco Añón (Outes, 1812 – Madrid, 1878) dedicáballe o 13 de setembro de 1873 o poema que empeza con estes versos ao seu “querido amigo” Juan Bautista Neira, “salvado providencialmente no descarrilamento de Viana”.

Accidente dun tren a comezos do século XX
Accidente dun tren a comezos do século XX

Fora este un accidente acontecido dous días antes nunha ponte sobre o río Douro que deixou 21 mortos e 58 feridos. Parte do canto ao enxeñeiro lugués pode lerse agora nun dos manuscritos que acaba de doar á Real Academia Galega Enrique González-Añón Villar, descendente de quen foi destacado precursor do Rexurdimento.

Tras moitos anos de coidada conservación, Enrique González Añón Villar decidiu legar á Real Academia Galega estes documentos antes preservados polo seu pai, Enrique González Añón, o médico que foi o derradeiro alcalde republicano de Outes. “El tíñaos gardados nun caixón e ao cambiar de casa atopei o que conservaba dos meus antepasados. Nunca lle escoitara falar destes papeis, porque cando meu pai morreu, en 1945, despois de botar dous anos enfermo na cama, eu só tiña 14 anos e daquela desas cousas non se falaba”, recorda tal e como suliña nun comunicado a RAG.

A doazón inclúe, ademais do fragmento do poema que titula no manuscrito cedido “Ferrocarril”, outro anaco da composición “El portugués de Sevilla”. Aínda que ambos poden ser textos apógrafos, presentan certas variantes en relación ás versión publicadas.

NOVAS DESCUBERTAS

Pero talvez os documentos de maior valor desta doazón sexan as dúas cartas que o poeta enviou desde Madrid en 1872 ao seu curmán Tomás (O vinculeiro do pazo de Añón), reproducidas xa nos anos 80 na biografía do poeta asinada por Josefina López de Serantes, subliña Ramón Blanco Fernández, estudoso do precursor de Outes e autor de Vida e obra de Francisco Añón (Galaxia, 2012).

A RAG tamén pasa a conservar un pequeno caderno en oitavo con poemas en galego e castelán dedicado por completo a Francisco Añón do que polo momento se descoñece a autoría. “Seguramente ha ser obra dalgún antepasado do alcalde González Añón, tendo en conta a procedencia dos textos”, observa o profesor Blanco Fernández. “Os versos dialogan coa obra do poeta homenaxeado con alusións a algún aspecto biográfico, como a famosa anécdota atribuída ao poeta segundo a cal, de rapaz, escribía os seus versos cun garabullo no chan”, engade. O legado complétase cun relato en castelán do avogado Manuel García Cereijo, quen foi xuíz municipal de Outes e parente de González Añón.

A doazón complementa as fontes documentais vinculadas a Francisco Añón que custodia a Real Academia Galega nos fondos dos irmáns De la Iglesia, Murguía, Leandro Carré, José Ogea e da familia Martínez Morás.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta