HGBeyond, spin-off da USC, mellor iniciativa empresarial de base tecnolóxica

O concurso Innovatia 8.3. tamén premio a Frame, nada na Carlos III de Madrid, na modalidade de startup.

Por GC Emprende | Madrid | 08/10/2018 | Actualizada ás 21:23

Comparte esta noticia

O Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades e a USC entregaron este luns en Madrid os premios da primeira edición do Concurso Innovatia 8.3. ás iniciativas empresariais HGBeyond e Frame, as dúas lideradas por mulleres e creadas co apoio das súas universidades, as de Santiago de Compostela e Carlos III de Madrid. 

Proxectos innovadores e emprendedores premiados no  concurso Innovatia 8.3
Proxectos innovadores e emprendedores premiados no concurso Innovatia 8.3 | Fonte: USC

HGBeyond, gañadora na modalidade de iniciativa empresarial de base tecnolóxica, xurdiu en 2015 como unha spin-off da USC para explotar e comercializar resultados relevantes do grupo de Investigación I+D Farma e desenvolver solucións biosanitarias, con aplicación directa na industria oftálmica. Concretamente, desenvolve lentes de contacto con capacidades extraordinarias de liberación controlada de substancias activas para tratar enfermidades do segmento anterior do ollo, tales como procesos inflamatorios e de alerxia, ademais de glaucoma ou enfermidades relacionadas coa diabetes. Este premio está dotado con 10.000 euros e asesoramento personalizado durante seis meses por unha profesional referente no sector.

Pola súa parte, na categoría de Startup, cun premio de 7.000 euros e asesoramento de tres meses, a galardoada foi Frame, nada no seno da Universidade Carlos III de Madrid. As súas promotoras desenvolveron un sistema de drons equipados con intelixencia artificial, listos para despegarse tras calquera catástrofe, que se coordina autonomamente durante o voo para rastrear unha zona afectada. O resultado é un mapa pos-desastre no que se indican as vías de evacuación, os cambios nas infraestruturas e os núcleos de poboación afectadas, permitindo aos equipos de emerxencia elaborar un plan de evacuación de vítimas eficiente.

OUTRAS  FINALISTAS

As dúas iniciativas foron elixidas de entre un grupo de finalistas no que ademais figuraban Applynano Solutions S.L. (Universidade de Alacante) e Tastelab S.L. (USC), na modalidade de Base Tecnolóxica, e Minervas Voice, S.L. (USC) e Mundoarti Global SL: Competicións de arte (Politécnica de Valencia), na de Startups.

Todas as súas responsables asistiron esta mañá á cerimonia de entrega de premios na sede da Secretaría de Estado de Igualdade, na que o reitor compostelán lembrou que a USC foi pioneira en España na súa aposta polo apoio ao emprendemento das mulleres, “sabendo que son maioría nas aulas e que son xeradoras dos mellores expedientes académicos formando un capital intelectual que a sociedade non debe desaproveitar”.

Innovatia 8.3 (Innovación+Tecnoloxía/Coñecemento=Mulleres 8 de marzo) é un programa dirixido a fomentar o empresariado feminino no ámbito científico-tecnolóxico e a crear un modelo de intervención que elimine a brecha de xénero existente neste sector. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta