Os números económicos de Feijóo ou “as contas de Antoñita la fantástica”

O presidente galego admite que o 'Plan Move' de obras "non se cumpriu” e volve botarlle a culpa ao bipartito.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/10/2018 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, admitiu que o inicial 'Plan Move' de infraestruturas "non se puido cumprir e lembrou que foi modificado e volveulle botar a culpa ao bipartito, que saíu da Xunta en 2009, hai xa case dez anos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha reunión do Consello. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha reunión do Consello. XUNTA

O presidente galego, como xa ten feito máis veces, non tivo en conta que leva no poder tres lexislativas consecutivas e tentou escorregar o bulto sobre a falta de investimentos no Plan Move porque o anterior Goberno bipartito "deixou a deber miles de millóns de euros" no marco, ademais, dunha crise económica.

En todo caso, Feijóo defendeu o impulso ás infraestruturas na comunidade e remarcou que, a día de hoxe, hai 208 quilómetros de autovías e vías de alta capacidade máis que cando tomou as rendas do Executivo autonómico, en 2009, o que supón un aumento do 67 por cento. Tamén concretou que o 80 por cento dos galegos vive "a 15 minutos" dunha vía de alta capacidade.

En fronte, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, afeou a Feijóo as súas "contas de Antoñita la Fantástica" e criticou que se escude "na crise" ou no que fixeron outros gobernos para xustificar o "incumprimento" do 'Plan Move'. "O incumprimento do xa modificado, que falamos de finais de 2010, cando xa levaban ano e medio gobernando", lembrou.

Entre outros "incumprimentos", lembrou que o plan expuña que "en 2015" o 80 por cento dos galegos estarían "a 10 minutos" dunha vía de alta capacidade, algo que aínda "non" ocorre na actualidade. Así mesmo, puxo o acento na redución das peaxes nas autoestradas competencia da Xunta, tras lembrar que o 'Move' sinalaba en 2010 que eran "excesivas e disuasorias".

"Case nove anos despois, os usuarios pagan practicamente o mesmo", precisou o socialista, antes de propor un acordo para que o Executivo autonómico use a súa capacidade orzamentaria para fixar un recorte lineal do 20 por cento nas peaxes autonómicas, compatible coas bonificacións xa existentes e chamado a entrar en vigor en xaneiro. Tamén un estudo en seis meses para "homoxeneizar" os pagos nas autoestradas autonómicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta