Dixerindo os resultados

As tres forzas políticas presentes no Parlamento galego teñen motivos para reflexionar após a cita electoral do pasado día 22.

Por Xesús Veiga | Santiago | 30/05/2011

Comparte esta noticia

O PPdG foi o indiscutíbel gañador mais non conseguiu aproveitar a onda xeral favorábel en cidades como Vigo, Pontevedra e Ourense, onde tivo que asumir fracasos significativos (ademais do rexistrado na Deputación de Lugo).

O PSdG non caeu tanto como no resto do Estado grazas ás dinámicas locais xeradas en Vigo e Ourense e á relativa fortaleza da súa presenza institucional na provincia de Lugo.Fora desas excepcións a regra do desgaste funcionou con notábel homoxeneidade e con especial virulencia na provincia coruñesa.
O BNG resistiu moi ben na cidade de Pontevedra e nalgunhas vilas de tamaño medio pero non foi  quen de aproveitar a oportunidade que lle ofrecía a perda de credibilidade do Partido Socialista como consecuencia das políticas desmanteladoras dunha parte do Estado de benestar.

A dixestión dos resultados electorais vai colocar ás tres organizacións políticas diante de retos diferentes e complicados.O partido que dirixe Feijoo ten que pasar das musas ao teatro e demostrar se é capaz de utilizar o amplo poder municipal conquistado para resolver, sequera parcialmente, algúns dos graves problemas que padece a maioría da sociedade galega.O Partido Socialista terá que abandonar a tentación de buscar refuxio nos éxitos electorais de certas localidades e acometer unha vella asignatura pendente:definir unha nova identidade como organización galega e mudar o modelo de relación co nacionalismo.Para o BNG a encrucillada é particularmente decisiva:ten que adoptar os cambios programáticos, organizativos e persoais necesarios para rachar a tendencia descendente e sintonizar con ese universo de persoas que agora, ou no pasado recente, retiraron o apoio á organización frontista.
Xustamente, cando o cando movemento 15-M estaba interpelando ao conxunto da sociedade e á propia elite política sobre a necesaria rexeneración democrática que posibilite unha maior calidade do sistema de representación nas institucións, as eleccións do 22-M deixaron dous fenómenos pouco estimulantes:a ratificación nas urnas dos alcaldes imputados de Fisterra e Mazaricos e a pouca práctica da necesaria asunción de responsabilidades por parte daqueles candidatos ou candidatas que padeceron un evidente castigo por parte do electorado.O ovo e a galiña:sen un corpo social esixente, a corrupción seguirá instalada nos despachos oficiais; sen unha pedagoxía activa dos cargos públicos, a democracia ficará progresivamente devaluada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.