O BNG impulsa unha reforma da lei do sector eléctrico e do IVE para esixir no Congreso unha tarifa "social"

Ana Pontón reclama "debater sobre unha estafa colectiva" e pide unha tarifa industrial que evite o peche de empresas como Alcoa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2018 | Actualizada ás 16:47

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) impulsa unha proposición de lei, para o seu debate no Congreso dos Deputados, que modificaría a lei do sector eléctrico de 2013 e a lei do IVE, e que aspira a lograr no Congreso dos Deputados unha tarifa eléctrica máis "social" e que teña en conta a situación das empresas.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, e Noa Presas
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, e Noa Presas | Fonte: Europa Press

"Unha nova proposta en materia de enerxía para que cumpra unha función social e de emprego en Galicia", defendeu Noa Presas, a portavoz de Enerxía do Grupo do BNG, despois de rexistrar a proposición de lei xunto á portavoz parlamentaria, Ana Pontón.

Trátase de dar "unha resposta urxente a unha situación preocupante para os galegos". Coas medidas que propón o BNG, o aforro alcanzaría os 330 euros ao ano para cada fogar galego. "Non podemos permitir que aumenten a recadación das eléctricas, que 442.000 galegos din que non poden quentar as súas casas no inverno", declarou.

Ao tempo, preténdese dar un "marco estable" ás empresas electrointensivas, xa que, ademais do caso de Alcoa co ERE extintivo agora mesmo enriba da mesa, tamén hai outras empresas que son dependentes da electricidade, nun país que, lembran as nacionalistas, é "excedentario" de produción.

"Queremos debater sobre unha estafa colectiva e unha estafa aos galegos", advertiu Ana Pontón, quen denunciou que hai empresas de Galicia que "non poden competir en igualdade de condicións con outras industrias doutros estados".

Na lei, os nacionalistas, que desde hai meses piden impulsar unha tarifa eléctrica galega co rexeitamento dos populares, apostan por un novo marco enerxético que sirva "para crear emprego" en Galicia, cunha nova tarifa industrial para as electrointesivas. Respecto diso, lembran que, durante a crise, as empresas gañaron 50.000 millóns de euros e "só en 2017" esta cifra de ganancias ascendeu a 5.600 millóns de euros.

TERRITORIO EXCEDENTARIO

En esencia, o BNG considera que "Galicia ten dereito a ter compensacións por ser territorio excedentario e a unha compensación polos custos sociais e ambientais de produción e enerxética".

A baixada do IVE pasaría por transformar o actual imposto do 21 por cento a unha redución do 4 por cento. Neste sentido, o BNG lembra que as corridas de touros sitúanse na franxa do 10 por cento.

En canto á tarifa industrial, Pontón explicou que debe de ser "estable con variacións predicibles" e mantivo que a reforma pasaría pola esixencia de vinculala ao mantemento de emprego, aos investimentos e á presentación de plans industriais cada cinco anos, cuxo cumprimento estea controlado pola Administración Pública.

De admitirse a trámite esta proposición de lei, unha vez que o Parlamento de Galicia a aprobase, deberá ser dirixida ao Congreso dos Deputados, xa que modificar normativas de ámbito estatal.

ALGÚNS ASPECTOS DA LEI

A lei considera que a subministración de enerxía eléctrica "constitúe un servizo público". Ademais, pide outorgar ás comunidades autónomas, ao Goberno central e ás administracións públicas a "regulación e o control das actividades destinadas á subministración de enerxía eléctrica".

Doutra banda, entre os aspectos da lei, a proposta do BNG quere que as peaxes e cargos sexan "diferentes" en cada comunidade autónoma, en base á súa "condición de excendentaria ou deficitaria" de produción de enerxía eléctrica. Así, "beneficiaranse con peaxes máis baixas aquelas comunidades que son exportadoras netas de electricidade, en compensación por soportar os custos sociais e ambientais das instalacións de produción".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Não entendo demasiado bem que é o que se pretende. Se o atual mercado elétrico é “uma estafa coletiva” que o é, o que há que fazer e rematar com esta estafa para ter tarifas justas e não precisar nenhuma tarifa especial (ainda que se chame social). E ata quando os projetos para Galiza consistiram em exportar matéria prima? Sucede coa eletricidade, coa madeira, com o leite, coa pedra...e os produtos finais enriquecem outros países.