“No ha lugar” para recibir sentenzas en galego

A Mesa denuncia que un xulgado de Lugo incumpre a Carta europea das linguas rexionais ao negarse a notificarlle a un cidadán unha sentenza en galego.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 08/11/2018 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

No ha lugar”. Esa foi a resposta que lle deu en dúas ocasións o titular do xulgado do penal núm. 2 de Lugo a unha persoa afectada que pediu recibir en galego unha sentenza relacionada coa denuncia a un piquete informativo na folga xeral de 2010.

O xuíz apoiou a sua negativa no artigo 231 da Lei orgánica do poder xudicial que permite notificar sentenzas só en español. Pero A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que está incumprindo o artigo 9 da Carta Europea das linguas, “que como tratado internacional ratificado polo Estado español ten un rango superior á LOPX”, apunta.

Por iso, esta entidade anunciou que se dirixirá ao Consello Xeral do Poder Xudicial, para que advirta ao xuíz que está obrigada a cumprir os compromisos adoptados polo Estado en relación aos dereitos lingüísticos do cidadán afectado. “A Mesa xa se ten pronunciado en diferentes ocasións a respecto deste artigo da LOPX, que se sitúa claramente fóra da Carta europea das linguas, promovida polo Consello de Europa e ratificada polo Estado en 2001”, indica nun comunicado.

A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado español ratificou en 2001 no seu grao máximo. Segundo a Carta, o Estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo Estatuto en ámbitos como educación, xustiza, administración, relación sociais e económicas, cultura ou relacións transfronteirizas.

Sala dun xulgado
Sala dun xulgado | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta