Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/11/2018 | Actualizada ás 14:53
Francisco Vázquez podería volver á política. É xa un segredo a voces que o alcalde coruñés se está deixando querer desde hai tempo por Ciudadanos. Os seus continuos coqueteos con Albert Rivera –o último esta mesma semana-- non deixan xa lugar a dúbidas e, nesta ocasión, á diferencia das anteriores, dirixentes socialistas non dubidaron xan en criticalo abertamente.
Pero pode volver Paco Vázquez a ser candidato na Coruña?. O ex rexedor non descarta esta posibilidade. É directamente Albert Rivera –e non Ciudadanos da Coruña-- quen leva meses tanteando esa posibilidade e, tal e como aconteceu con Manuel Valls, suxeriulle a posibilidade de encabezar unha “lista cidadán” ao estilo da Plataforma España Ciudadana coa que o ex primeiro ministro francés quere conquistar a Alcaldía de Barcelona.
"BOAS RELACIÓNS"
Rivera referiuse esta mesma semana a Paco Vázquez como alguén próximo, co que, dixo “manteño relación persoal e co que falei en varias ocasións sobre estes temas e cónstame que é constitucionalista e ségueo sendo a pesar do sanchismo”.“Para alguén coma min e para moitos constitucionalistas, é un luxo poder escoitar as reflexións dun socialista de pro, tantos anos alcalde e constitucionalista, como é Paco Vázquez”, insistía.
Na mesma liña, Rivera referiuse ademais a outros "socialistas que si son constitucionalistas a diferenza do señor Sanchez que non o é" e que xa hai tempo apoiaron a plataforma de España Cidadana, a nova plataforma impulsada por esta formación en Cataluña e que lidera o ex primer ministro francés Manuel Valls.
“Cónstame que hai outros socialistas como Corbacho que xa nos apoiou na plataforma, e outros socialistas que tamén son constitucionalistas como é o caso de Nicolás Redondo ou outros moitos líderes socialistas cos que eu me sinto partícipe dun proxecto constitucional”, suliñou.
ESTRATEXIA
Precisamente, esa apelación ou captación de ex líderes socialistas, é o que quere facer con Vázquez, consciente da importancia que unha figura coma o do ex rexedor ten aínda na Coruña. E, como na capital catalana, podería renunciar ás siglas do seu partido para tentar aglutinar nunha mesma candidatura á xente desencantada co PSOE, o PP e mesmo as mareas. Por iso, e sabedores deste movemento, dirixentes socialistas non dubidaron xa en criticar en privado, e tamén xa en público, a viraxe ideolóxica do ex rexedor Coruñés.
A simple posibilidade de que Vázquez encabece unha lista na Coruña incomoda aos tres principais partidos da cidade pero, principalmente, ao PSdeG e ao PPdeG, sabedores de que os vinte e tres anos que pasou de alcalde, entre 1983 e 2006, son aínda valorados por boa parte dos seus electores. E esta mesma bagaxe e as súas ideas de férreo defensor da Constitución e da “españolidade” é o que pretende utilizar Rivera.
BAGAXE IDEOLÓXICA
E nesta xogada política Ciudadanos tamén avaliou o impacto mediatico desta aposta, coñecedor da boa relación de o ex alcalde mantén co grupo La Voz e con algúns dos seus articulistas estrela, como é o caso de Roberto Blanco Valdés. Precisamente, Vázquez, xunto con Blanco Valdéz, Gloria Lago; presidenta de Galicia Bilingüe ou o xornalista Paco Rivera Cela, pai de Rivera de la Cruz, participaron en 2014 no colectivo "Libres e Iguales". Un colectivo que se definía como "movemento cívico aberto a todos os cidadáns compremtidos cos valores da moderna España constitucional" e contrario “á agresión á democracia” que antes do Referendum pretendía levar a cabo o Goberno da Generalitat.
Previamente, Vázquez e Rivera xa participaran en foros comúns para falar da “unidade de España” e da “Constitución”. E ese xiro idelóxico mesmo levou ao ex rexedor a participar en actos convocados polo propio Partido Popular, como aconteceu en 2016 cando participou nunhas xornadas organizadas sobre a Constitución Española de Nuevas Generaciones na Coruña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.