Coren, tras as acusacións de contaminar o Val da Limia: “Facemos unha xestión dos residuos gandeiros escrupulosa”

A empresa cárnica mostra o seu apoio ás iniciativas de protección ambiental na comarca da Limia e di que defende “todas aquelas medidas que permitan facer compatible o labor agrogandeiro co coidado da contorna” tras as denuncias de partidos políticos e ecoloxistas.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 09/11/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O grupo Coren saíu ao paso das informacións publicadas por Galicia Confidencial nas que grupos ecoloxistas, En Marea e AGE denunciaban a existencia de verteduras ilegais de xurros en todo o Val da Limia. “Todas as granxas do Grupo Coren na Limia atópanse dentro da legalidade e en todas elas realízase unha xestión dos residuos gandeiros escrupulosa conforme á lei”, subliñou a empresa.

eurodiputada Lidia senra, o deputado David Rodriguez, o científico e presidente da Asociación Galega de Historia Natural, Serafín González, con membtros do MEL diante dun camión de Coren que descarga xurro nunha finca da Limia
eurodiputada Lidia senra, o deputado David Rodriguez, o científico e presidente da Asociación Galega de Historia Natural, Serafín González, con membtros do MEL diante dun camión de Coren que descarga xurro nunha finca da Limia | Fonte: L.S

Nun comunicado remitido a este medio, Coren destaca que todas as súas granxas se someteron ao proceso de Avaliación de Impacto Ambiental ou, no seu caso, Autorización Ambiental Integrada, co pertinente período de información pública. “Ademais, sométense permanentemente a plans de vixilancia ambiental dos organismos responsables, en particular da Inspección da Xunta de Galicia”, indicou.

Ademais, insiste en que as granxas de socios de Coren atópanse, igualmente, dentro da “estrita legalidade”, cumprindo as normativas de Medio Ambiente e lembra que a empresa conta con servizos para a xestión de residuos sempre cumprindo as citadas normativas.

"PROMOVER O MEDIO AMBIENTE"

Por outra banda, e tras os anuncios realizados por ecoloxistas e formacións políticas de levar esta situación ao Parlamento galego e europeo e tras a denuncia da Sociedade Galega de Historia Natural ante a Fiscalía, o Grupo Coren di que apoia todas aquelas iniciativas e propostas dirixidas, di, “a promover o coidado do medio ambiente, sexa tanto na comarca da Limia como en calquera zona en que as súas granxas están presentes”. 

O presidente de COREN presentando os resultadosda da empresa
O presidente de COREN presentando os resultadosda da empresa | Fonte: GC

De feito, puntualiza, que un dos seus obxectivos prioritarios é facer compatible o labor agrogandeiro “co máximo respecto ao medio ambiente”.  “Por iso, o Grupo Coren apoia o labor positivo que realizan todos os colectivos que traballan en defensa do medio ambiente e súmase á súa inquietude, ante o que mostra a súa total disposición a seguir colaborando con eles no desenvolvemento de medidas e iniciativas que contribúan ao coidado ambiental da comarca e dar resposta a calquera necesidade que puidese existir, como a proposta que realizan para desenvolver un Código de Boas Prácticas Gandeiras, entre outras”, indica. 

Finalmente, a empresa cárnica lembra que as súas explotacións baseanse en granxas propias do Grupo Coren e, por outra, en granxas das súas cooperativistas, das que non é titular a cooperativa, senón granxeiros particulares que venden as súas producións a Coren. Así, suliña que no que respecta ás granxas propias de Coren, “non se realizou nos últimos 20 anos nin ampliación das explotacións existentes nin construción de granxas novas, en ningún do oito municipios que integran a comarca da Limia”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta