O Goberno central descarta intervir as factorías de Alcoa: "Non estamos nun réxime comunista"

A ministra de Traballo, Magdalena Valerio, comprométese a estudar en "profundidade" o ERE presentado pola empresa para as plantas da Coruña e Avilés.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2018 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A Ministra de Traballo, Migracións e Seguridade Social, Magdalena Valerio, comprometeuse a estudar "en profundidade" o expediente de regulación de emprego extintivo que suporía o peche das plantas da multinacional Alcoa na Coruña e Avilés, pero rexeitou de forma tallante a intervención das factorías, como expoñen os traballadores.

Magdalena Valerio, ministra de Traballo, en Santiago de Compostela
Magdalena Valerio, ministra de Traballo, en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

"Non estamos nunha economía estatalizada, como intervir a empresa, non estamos nun réxime comunista", resolveu, preguntada polos medios de comunicación en Santiago de Compostela, antes de participar no acto organizado polo PSdeG para proclamar o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, candidato á Xunta de Galicia.

Os traballadores da factoría da Coruña solicitaron que se aplique o artigo 128 punto 2 da Constitución, para que o Goberno interveña tanto esta planta como a de Avilés, no caso de que a multinacional do aluminio Alcoa non retire o seu ERE extintivo, que suporá o peche das factorías e a destrución de case 700 empregos directos.

Aínda que rexeitou esta posibilidade, en todo caso, Magdalena Valerio comprometeuse a analizar "en profundidade" o ERE presentado e mostrou a súa confianza en que se atope unha solución que evite o despedimento dos traballadores.

"Hai un expediente de regulación de emprego presentado no Ministerio de Traballo, eu como ministra comprométome a estudar en profundidade este expediente e a dar unha solución, que teño a convicción, espero e desexo, que sexa satisfactoria para mellorar a situación que neste momento teñen as miles de persoas afectadas polo posible expediente de regulación de emprego de Alcoa", declarou.

Na mesma liña, tamén manifestou que "desde logo, o Goberno se compromete a estudar en profundidade toda a cuestión de Alcoa", porque "hai miles de familias afectadas".

REFORMA LABORAL

Por outra banda, cuestionada sobre posibles cambios na reforma laboral, asegurou que "se segue debatendo na mesa de diálogo social todas as cuestións da reforma laboral que poderían ser modificadas".

En concreto, fixo referencia a aspectos como "a ultractividade dos convenios colectivos, da primacía de convenio de sector fronte a convenio de empresa tendo en conta unha serie de descolgues que están xa regulados no artigo 82 do Estatuto de traballadores".

Do mesmo xeito, incidiu en que "tamén se está falando" do rexistro de xornada, do rexistro horario ou de igualdade.

"Temos todos eses acordos enriba da mesa pero aínda non hai acordo", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 ninpesoeninpepe

Pois precisamente por non estar nun réxime comunista, van perder o seu traballo 700 persoas, e tamén por ese motivo temos este nivel na gobernanza.

2 andz

Que o gobernó expropie a factoria de Alcoa ( que eso ven sendo do que se fala cando se fala de " intervir", eiquí a única intervención que garantizaría os postos sería simplemente a expropiación) non parece moi viable. O que pasa é que falar de expropiación queda mal, e se falamos de " intervención" queda como mais asumible.

1 uu1

Certo, o governo central só intervém para salvar os bancos e as a autopista radiais de Madrid, e para ampliar a concessão de Ence, vamos só intervém onde saca talhada.