O Museo do Pobo Galego aviva os libros e a tradición

Esta institución, xunto coa Asociación Xandobela, organiza este xoves 15 a terceira edición de Biblioteca Vivente. Cun catálogo de oito Libros Vivos, procuran "construír coñecemento" a través da experiencia directa e do diálogo cos lectores.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/11/2018 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

O Museo do Pobo Galego e a Asociación Xandobela organizan unha nova edición da Biblioteca Vivente "Tesouros vellos para xente nova" co gallo de espallar a tradición. Esta actividade, que conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, terá lugar o vindeiro xoves 15 de novembro ás 17:30 horas da tarde e estará repartida por diferentes espazos do museo.

Unha actividade no Museo do Pobo
Unha actividade no Museo do Pobo | Fonte: cedida

Nestas bibliotecas viventes, "os libros son persoas dispostas compartir o seu coñecemento", segundo explican dende o Museo. Desta volta, haberá oito Libros Vivos que representan cadansúa historia arredor da tradición. Os asistentes escollerán tres Libros Vivos do catálogo, sen saber de antemán que historia gardan e quen está detrás delas. Con esta iniciativa procúrase "construír coñecemento dun xeito directo, vivencial e participativo", botando man do diálogo cos lectores e lectoras.

O PROXECTO

O Museo do Pobo Galego coñeceu esta experiencia en 2013 da man do proxecto Grandes Tesouros, enmarcado dentro do programa europeo de aprendizaxe permanente Grundtvig do que Xandobela era entidade parceira xunto a outras de Polonia, Grecia, Letonia, Estonia e Portugal. Daquela, o Museo do Pobo Galego foi unha das institucións de apoio local. As bibliotecas viventes nacen tamén doutro proxecto, a iniciativa Dialogue for Tomorrow, desenvolvido dentro dese mesmo Grundtvig e apoiado pola Comisión Europea.

“Tesouros vellos para xente nova” emprégase para a protección e difusión dos coñecementos de persoas de idade que viviron unha historia de vida significativa, que manteñen un oficio ou un coñecemento determinado e que están abertas a compartilo coas xeracións futuras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta