Cales foron os desacordos que romperon a comisión de investigación sobre a sanidade?

A maioría absoluta do PP serviulle para aprobar o seu programa de traballo na comisión de investigación sobre recortes en sanidade, cousa que empurrou aos grupos da oposición a abandonala. Pero realmente serven de algo as comisións de investigación? Son útiles ou son unha ferramenta sen utilidade?

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

En 2015 o Parlamento de Galicia aprobaba a modificación do seu regulamento no que tocaba á creación de comisións de investigación. Este punto afectaba ao artigo 52 do regulamento engadíndolle unha alínea ou parágrafo novo: «1 bis. Poderase crear de xeito automático unha única comisión de investigación por lexislatura de o solicitaren un terzo dos deputados e das deputadas da Cámara que pertenzan a un mesmo grupo parlamentario, ou as dúas quintas partes dos deputados e das deputadas da Cámara.»

Constitución comisión de investigación do sistema sanitario
Constitución comisión de investigación do sistema sanitario

Nacía así a posibilidade de crear comisións parlamentarias de investigación logo dunha proposta do PSdeG. A última é a de investigación sobre recortes en sanidade por parte do goberno da Xunta, nestes momentos paralizada logo do rexeitamento da oposición parlamentaria ao programa de traballo aprobado grazas á maioría absoluta do PP na cámara, pois o número de parlamentarios nunha comisión correspóndese en proporción ao número de escanos que ocupan as forzas políticas.

CREACIÓN

A comisión de investigación é un órgano parlamentario creado polas cámaras lexislativas que buscarán conclusións sobre asuntos de interese público. Como xa se apuntou na modificación do Regulamento parlamentario, só pode existir unha por lexislatura en Galicia. Desta maneira os labores da mesma deberían finalizar co remate do mandato do goberno autonómico de turno.

Unha comisión de investigación forma parte das denominadas comisións non permanentes. “A creación desta comisión sobre a sanidade foi grazas a unha modificación do regulamento aprobada cos votos do PP e do PSdeG, curiosamente coa oposición de En Marea e BNG” di Aurelio Núñez Centeno, portavoz “popular” na comisión. “O PSdeG presentou esta posibilidade e aínda que o PP non quería, conseguiuse este propósito” explica Julio Torrado, dos socialistas galegos, “a idea non está mal, pois os regulamentos están para regular, pero as maiorías absolutas poden usarse mellor ou peor, pero sucede que ao PP non lle gusta calquera mecanismo que lle dea espazo e voz non só á oposición senón a colectivos que eles vetan” aclara Torrado.

Non só o PSdeG considera que o PP usou a súa primacía dentro da comisión para freala. “Hai unha realidade incómoda, os recortes e a privatización da sanidade, que son a forma de gobernar e entender a xestión na política de Núñez Feijóo, están resultando crueis para a poboación” di Luis Villares, portavoz de En Marea. “Quixeron vender unha imaxe de bo xestor de Feijóo que non é tal”.

“A portavoz nacional propuxo crear a comisión, con isto queriamos enviar unha mensaxe á sociedade galega de que este é un tema da nosa máxima preocupación” sinala Montse Prado, parlamentaria do BNG. Non obstante, para Montse Prado “o PP quixo darse un berniz democrático dando a posibilidade á oposición de crear comisións de investigación, pero realmente silencia á esa oposición”. Para o Bloque os “populares” non desexan dar marxes de manobra.

DESACORDO

O desacordo chegou no momento de aprobar o plan de traballo. Dentro deste plan incluíanse as comparecencias de expertos, asociacións, sindicatos e familiares de doentes afectados polo contaxio da hepatite C e a morte dun cidadán no PAC da Estrada. Pero a cantidade de persoas a chamar e a documentación que se ía presentar foron a orixe do desencontro. “O plano de traballo do Grupo Parlamentario Popular levaría unha cantidade abondosa de información e a comparecencia de altos cargos da Xunta, expertos en economía da saúde, curiosamente a oposición nunha comisión sobre recortes non chama expertos deste campo, expertos en asistencia sanitaria e xente relacionada cos dous acontecementos puntuais da hepatite C e do PAC na Estrada” explica Aurelio Núñez. Ademais, Núñez engade que “pensamos que a unha comisión deben vir desde asociacións a sindicatos, pero non persoas a título individual”.

“O PP tamén propuxo persoas a título individual, pero a min gustaríame saber cal é a diferenza entre persoa individual proposta polo PP e persoa individual proposta polo PSdeG” manifesta Julio Torrado. “O que propón o PP por exemplo, no caso da Estrada, é investigar sen ninguén do PAC da Estrada e sen ninguén que traballe nun PAC, e sobre o que pasou co da hepatite C sen afectados directos” incide Torrado. Sobre o caso sinalado polo parlamentario socialista, Luis Villares apunta que “por incumprimento da lei, quero remarcalo mil veces, non había equipo médico e todo para aforrar 300€”. Pero ademais “ían vir voces que resultarían incómodas para o PP, xente do PAC, afectados pola hepatite C e responsables políticos de que non se dese a xente que estaba morrendo un medicamento que estaba nas farmacias”.

Montse Prado sinala que “os instrumentos de control da comisión están en mans do PP, que non ten vontade de permitir o funcionamento democrático e cun mínimo de pluralidade”. Prado concorda cos demais grupos en que “teñen algo que ocultar, o PP ten pánico e pavor que no Parlamento se poidan escoitar voces sobre o que pasou exactamente”.

OS RESULTADOS

Aurelio Núñez ve na retirada da oposición “querer facer unha causa xeral contra a Sanidade pública galega”. Núñez ademais engade que sobre o tema da hepatite C “está absolutamente subiúdice, hai unhas declaracións diante do fiscal superior de Galicia, dicindo que haberá resolución inicial polo menos, antes de final de ano”. Sobre a valoración que fai da mesma comisión “é a primeira na que vou participar, pero sobre o que estamos vendo con outras comisións no Congreso, os resultados son escasos, pero o PP está interesado en ver como está a situación real da sanidade en Galicia”.

Se esta comisión non sae para adiante será culpa do PP e demostrará que hai un problema de concepción do sistema por  parte dos “populares”, pois entenderían que ter unha maioría lle dá dereito á totalidade”, interpreta Julio Torrado. “O máis importante é que o PP parece ter algo para ocultar, porque se quere deixar ver que o sistema funciona, non sei porque non quere falar do tema”.

“Quérese ocultar que as políticas sanitarias tamén beneficiaron a unha elite en detrimento da xente” di Luis Villares. Preguntado desde a súa perspectiva como xurista, se se pode reverter legalmente a situación de paro da comisión “si, desde logo, isto non é irremediable, pode ser doutra maneira e os tres grupos da oposición estamos dispostos a entendernos para facer unha política diferente”.

Para Montse Prado a situación respóndese polo contexto. “O PP estaba arrodeado de casos de corrupción e quixo facer unha modificación de regulamento parlamentario para que non parecese que tiña problemas para investigar certas cuestións”, pero Prado sinala que “é mentira, é un cambio de regulamento trampa”.

De momento a comisión segue parada. Estanse estudando vías, alternativas e novas  propostas para que non fracase. Os problemas para solventar son a postura do PP e o seu plano de traballo, aprobado grazas á súa maioría, a lista de comparecencias e quen comparece e sobre todo, para a oposición, aquilo que o PP desexa ocultar. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Chico Percebe

La verdad es que esta historia de las comisiones parlamentarias tienen poca o nula credibilidad. En esencia, se trata de atacar al gobierno de turno, sin importar demasiado otro tipo de consideraciones. Todos los grupos hacen lo mismo y, cuando les conviene, las boicotean, las manipulan, las hacen inviables, las degradan, las utilizan, las violan, las dilatan, las...lo que ustedes quieran. Lo único que cambia, es si son gobierno o son oposición. Por eso al común de los mortales, le importan más bien poco.