Buscar unha saída para o labirinto catalán

A piques de se cumprir un ano dende as eleccións ao Parlament de Catalunya celebradas o pasado 21 de Decembro, tivo lugar o primeiro encontro convocado polo actual presidente da Generalitat para comprobar as posibilidades de acordo entre as formacións políticas que compoñen a Cámara lexislativa catalá.

Por Xesús Veiga | Compostela | 21/11/2018

Comparte esta noticia
A propia demora rexistrada na convocatoria e a renuncia para participar na mesma por parte de  C's, PP e as  CUP revelan as grandes dificultades que rodeaban unha cita destas características.A conclusión constatada ao final da xunta entre os representantes de  JxC, ERC, PSC e Catalunya en  Comú completa o prognóstico pesimista que se formulou dende o primeiro momento:non existe  unha saída política ao actual conflito que conte co apoio dunha ampla maioría do Parlamento catalán.Era sabido que, agora mesmo, están presentes nesa institución forzas políticas  que postulan a independencia de Catalunya, outras que defenden o mantemento do vixente  statu  quo e unhas terceiras que apostan por unha reforma do marco estatutario e/ou constitucional que permita establecer un novo encaixe desa nación histórica na arquitectura institucional española.Non se tiña  testado, formalmente, a disposición ao diálogo e á negociación dos distintos actores que concorren no mapa político catalán.O punto de partida non permite, certamente, posuir moitas esperanzas de cara ao futuro.
 
En diversas ocasións, insistiuse que o centro de gravidade do problema catalán debería ser situado no  disenso existente no seu corpo social -e no seo da  elite política- e non tanto na confrontación entre as institucións de autogoberno e as de ámbito estatal.En realidade, ambos fenómenos están entrelazados  fortemente:as divisións perceptíbeis a respecto dos sentimentos de pertenza e as discrepancias sobre o escenario desexábel para a construción nacional de Catalunya explican a polarización e o bloqueo que presiden a vida política nos últimos anos.
 
Quen queira buscar fórmulas de entendemento para atopar a saída do labirinto actual deberá ser consciente que o posíbel punto de encontro non se atopará nas propostas máis perfiladas que están sobre a mesa:a independencia de Catalunya ou a continuidade da actual configuración territorial do Estado.O denominador común -no seu caso e froito dunha negociación referendada, obviamente, polo corpo electoral- situarase en espazos intermedios que resulten cómodos para amplas maiorías políticas e sociais.Estamos, sen dúbida, ante o maior desafío ao que se enfronta o sistema político español nado coa Constitución de 1978.
 

Unha gran senyera de Cataluña na manifestación contra o encarceramento dos presos políticos
Unha gran senyera de Cataluña na manifestación contra o encarceramento dos presos políticos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.