As mulleres do PP esixen desculpas da líder do BNG por vincular a Feijóo coa "Manada"

Pregúntanse se Ana Pontón “é tan machista que cre que as que traballan ou votan ao Partido Popular están e estamos cegas, ou que somos vítimas dunha especie de Síndrome de Estocolmo".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/11/2018 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

As mulleres do PPdeG esixiron esta mañá á voceira do BNG, Ana Pontón, unha desculpa por vincular ao Partido Popular coa “Manada”. Así, Marta Rodríguez Arias e Susana López Abella, acompañadas doutros cargos do partido, deu resposta ás declaracións da deputada nacionalista no Parlamento, "lamentando que colocara o PP do lado dos que son tolerantes ou condescendentes coa violencia de xénero e usando esta lacra cunha intencionalidade electoral como xa fixo o Bloque hai un ano", dixo.

Mulleres do PP, contra Ana Pontón, líder do BNG
Mulleres do PP, contra Ana Pontón, líder do BNG | Fonte: PPdeG

“O PPdeG representa o 48% dos galegos. A Xunta, ao 100% dos cidadáns. Polo tanto non hai lugar para dicirlle ao presidente de ambas institucións que as persoas ás que representa e as súas políticas son tolerantes ou cómplices con prácticas que a todos nos repugnan”, dixo Marta Rodríguez Arias.

Logo de sinalar que o seu partido non está disposto a tolerar insinuacións desta natureza, preguntouse se Ana Pontón “é tan machista que cre que as que traballan ou votan ao PP están e estamos cegas, ou que somos vítimas dunha especie de Síndrome de Estocolmo que nos permite estar cómodas nun partido que deixa de lado as mulleres”, xa que coas súas palabras “vincula ao PP, á Xunta, ao seu presidente pero, tamén, as mulleres deste partido coa Manada”.

“O mércores fixouse un antes e un despois na nosa consideración de Ana Pontón e do BNG. Podemos aguantar case calquera insulto por parte dun político, pero calar cando nos acusan case de mirar cara a outro lado cando hai mulleres sufrindo e morrendo a mans das súas parellas, non”, subliñou.

Ademais, indicou que manifestacións como estas fixeron que os galegos sacasen o BNG do Congreso dos Deputados: “Como non están no Congreso non puideron participar no Pacto estatal contra a Violencia de Xénero e parece que prefiren buscar a súa cota de pantalla perdida nas Cortes Xerais insultando as mulleres do PPdeG, as mesmas mulleres ás que dentro de moi pouco irán a pedirlles o voto”, manifestou.

Pola súa banda, Susana López Abella asegurou que as declaracións de Pontón foron un insulto e un ataque cara “aos que traballamos cada día en salvar vidas, en protexer ás mulleres dos que cren que a súa forza habilítalles para abusar delas de calquera das formas posibles”.

Segundo indicou, “a disensión política non permite dicir calquera cousa”, mentres defendía algunhas medidas do Goberno galego: "No ano 2002 aprobouse o I Plan de Acción contra a Violencia de Xénero, no 2004 veu a luz a primeira Lei de Igualdade entre mulleres e homes –das primeiras das Comunidades Autónomas do país-, no 2012 constituíuse a primeira Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero a través dun convenio coa FEGAMP –actualmente están adheridos 200 concellos-, no 2013 acordouse a personación do Goberno Galego nos procedementos penais en casos de morte por violencia de xénero, no 2014 constituíuse o Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista e púxose en marcha o Centro de Recuperación Integral para as mulleres vítimas, no 2015 aprobouse o Plan de Dinamización das Mesas Locais contra a violencia de xénero e creouse a APP Escape, no 2016 modificouse a Lei para incluír como forma de violencia a trata de mulleres e nenas con fin de explotación sexual e abriuse a todo o ano o prazo para solicitar as axudas económicas periódicas", explicou.

Tamén fixo referencia ao I Programa de Apoio á Inserción laboral das mulleres vítimas da violencia machista, o I Plan Galego de Igualdade no ámbito educativo, o Decreto de Formación, Igualdade e Prevención na loita contra esta lacra do persoal do Administración da Comunidade, a Campaña de Prevención e Detención da violencia de xénero en comunidades veciñais, o Protocolo de Coordinación e Cooperación Institucional fronte este tipo de violencia, a APP Agresión Off, ademais da Campaña de Prevención e Actuación fronte ao acoso sexual nos lugares de traballo.

Tamén dixo que desde Galicia "se traballou no Pacto de Estado en todos os grupos aos que o Goberno galego foi convocado" e falou de "incremento nos orzamentos da Xunta destinados a esta loita nos últimos anos". Segundo as mulleres do PP, "se nos últimos presupostos do bipartito, en 2009, dedicábanse 2,8 millóns de euros; en 2019 investiranse máis de 14 millóns de euros".

“Temos unha folla de servizos que gustará máis o gustará menos á oposición, pero o que nunca imos facer é mirar cara a outro lado mentres haxa mulleres en Galicia que non se sintan libres, seguras e protexidas no seu ámbito persoal, laboral ou familiar”, sentenciaron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Rute

Isto é coma se as mulleres do estado islámico queren dar leccións sobre respeito á diversidade e á integridade da muller. Pois non: as escollas que facemos dan e quitan razóns para o que pedimos ou dicimos. É coherencia.