Traballadores de urxencias do CHUS inician a terceira semana de folga

Lembran que demandan un incremento do cadro de persoal, "non diñeiro", e seguen esperando unha nova convocatoria para reunirse coa Xerencia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/11/2018 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

Traballadores de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) iniciaron a terceira semana de folga, que se materializa desde as 8,00 horas dos luns até a mesma hora dos xoves e que prevén manter até alcanzar "un acordo" coa Xerencia que encabeza Eloína Núñez.

Traballadores de urxencias protestan dentro do Clínico
Traballadores de urxencias protestan dentro do Clínico | Fonte: Europa Press

"A nosa idea é seguir en folga até chegar a un acordo. Levabamos moito tempo en conflito e ao ver que non hai unha solución derivou en folga", explicou o presidente da Comisión de Centro, Camilo Agulleiro, en declaracións aos medios, antes de iniciar unha concentración diante do servizo de urxencias do hospital.

Agulleiro explicou que, aínda que na reunión da semana pasada houbo "unha aproximación" coa Xerencia, a súa oferta de persoal resulta "insuficiente" para responder as demandas dos colectivos sanitarios en folga --hai dous convocantes: a Comisión de Centro e o sindicato de facultativos O'Mega--.

En concreto, as reivindicacións da comisión de centro, que repasou o representante sindical, consisten en cinco médicos máis, enfermeiros a maiores (catro en quenda de mañá, catro de tarde e cinco de noite), auxiliares de enfermaría (dous en quenda de mañá, un de tarde e catro de noite), e celadores (un por cada quenda).

"Aquí non se está reclamando diñeiro, está a reclamarse máis persoal para prestar un mellor servizo e que urxencias non se colapse cada dous por tres", remarcou, antes de engadir que tamén é precisa a elaboración dun plan funcional. "O que nos interesa é chegar a un acordo para que non haxa saturación", apostilou.

"O PREMIO Á XERENCIA É POLA INCOMPETENCIA"

Tras o encontro da semana pasada, os traballadores de urxencias non teñen polo momento constancia de novas convocatorias para reunirse coa Xerencia do hospital. Nesta conxuntura, á marxe de continuar a folga, prevén concentrarse ante o Servizo Galego de Saúde (Sergas) o vindeiro mércores 5 de decembro.

Este luns, ademais de concentrarse ante o servizo de urxencias, os traballadores percorreron a contorna do Clínico entoando varios cánticos cos que reclaman máis persoal. Finalizaron a súa protesta dentro das instalacións do hospital.  Uno deses cánticos aludía, por exemplo, a un premio recibido recentemente pola xerente do Clínico. "O premio á xerencia é pola incompetencia!", proclamaron.

Tamén adaptaron a canción popular galega de 'A Rianxeira' con versos nos que lembraban que: "xerentes veñen, xerentes veñen, xerentes veñen e van, non te vaias Eloína, sen darnos máis persoal!".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta