CCOO gaña as eleccións sindicais no sector do aforro

Obtivo o 30,43% dos votos e terá 49 delegados, fronte aos 38 de FINE, 34 de UGT e 25 da CIG.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 29/11/2018 | Actualizada ás 11:47

Comparte esta noticia

A Federación de Servizos de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO-Servizos) volveu gañar as eleccións sindicais no sector do aforro, onde Abanca, Bankia e Caixabank son as entidades máis representativas, con máis de 4500 traballadores e traballadoras. Dos 161 delegados e delegadas que se elixiron, CCOO conseguiu 49, que supoñen o 30,43 % do total.

Por detrás quedaron a federación de sindicatos FINE, con 38 (23,6 %); UGT, con 34 (21,12 %) e a agrupación sindical CIC, con 25 (15,53 %). Os restantes sindicatos sumaron entre todos 15 representantes (9,32 %). Por entidades, os mellores resultados para CCOO foron en Abanca, onde conseguiu 26 delegados e delegadas; a seguir sitúanse Caixabank (18) e Bankia (5).

“Este resultados avalan o traballo realizado polo sindicato nos últimos catro anos, nos que o sector superou a anterior conxuntura de reestruturacións e fusións e afronta o futuro con novos retos, como a dixitalización, as esixencias regulatorias e os novos modelos de oficinas”, apunta Jorge Villarino, responsable do sector financeiro de CCOO-Servizos.

Así, destacou o labor do sindicato en aspectos como os acordos de profesionalidade, horarios, conciliación e igualdade. Tamén, o asinamento do convenio colectivo 2015-2018, “que protexeu os dereitos laborais nun escenario moi complicado e sentará as bases para o novo convenio que se ha negociar de xeito inminente”.

Concentración de CCOO diante da patronal
Concentración de CCOO diante da patronal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta