O efecto VOX tamén chega a Galicia

Feijóo defende un pacto con esta formación, a pesar de que supoña a bendición da ultradereita en España, mentres que os grupos da oposición alertan da chegada do “fascismo” ás institucións.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/12/2018 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

O efecto VOX tamén peta ás portas da política galega. A pesar de que este partido supostamente é residual en Galicia, sen estrutura máis alá da Coruña e Vigo, o certo é que o acontecido en Andalucía, onde entrou no Parlamento con doce escanos e case 400.000 votos, fixo saltar as alarmas en todos os partidos. E Galicia tampouco foi unha excepción.

Nun país no que, agás varios anos de gobernos tripartitos e bipartitos, o PP monopolizou o poder, a chegada de VOX semella non ter causado moita alarma ao presidente da Xunta que mesmo non descarta un pacto con eles en Andalucía. Unha opinión moi diferente a que manteñen os grupos da oposición, que alertan xa do perigo de que un partido abertamente de extremadereita chegue ás institucións.

Alberto Núñez Feijóo reiterou este luns en Madrid que o PP gañou as eleccións andaluzas, a pesar de perder nove escanos, e apostou por  buscar unha alternativa ao goberno do PSOE, que sufriu "unha desfeita histórica". "Os andaluces merecen un goberno, votárono nas urnas, dixéronlle á esquerda que non queren que siga gobernando e hai unha opción clarísima para que haxa un goberno distinto ao que houbo desde que lembramos", destacou.

Unha opción que pasa por un apoio da extremadereita do partido VOX, algo que semella non importarlle a Feijóo que, en vez de criticar a esta formación, acusou directamente ao Goberno de Pedro Sánchez e aos nacionalistas de estar detrás da súa aparición. “A aparición deste partido é froito dun Goberno de España sometido ao que digan os independentistas de Cataluña, sometido a Bildu... É un produto, na miña opinión, basicamente da esquerda", sinalou. Este mesmo domingo, o seu número dous, Alfonso Rueda, quitaba importancia a esta formación e dicía que era "residual" en Galicia.

Manifestantes a favor de España, algúns deles ex militares, en Barcelona
Manifestantes a favor de España, algúns deles ex militares, en Barcelona | Fonte: Miguel Núñez

ESTÁ O PP CÓMODO COA ULTRADEREITA?

Desde os partidos da oposición a visión é completamente oposta e apuntan ao PP por permitir que un partido con tintes fascistas poida manexar a política andaluza. Por iso, pregúntalle a Feijóo se el mesmo estaría cómodo gobernando con este partido.

"Que lle parece gobernar coa extrema dereita colleita pola man?", espetoulle este luns a vicevoceira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil que acusou aos populares de querer gobernar cunha formación "homófoba, racista, machista, que se quere cargar o movemento feminista dunha tacada". "Quere ir da man da extrema dereita, que nega os dereitos dos galegos?", suliñou Rodil.

Tamén no PSdeG ven con preocupación a chegada desta forza. “Non é bo para os andaluces e para España a entrada nas institucións dunha forza de ultradereita e isto ten que levarnos a unha reflexión profunda do que pode ocurrer cando non entendemos as claves da sociedade na que vivimos”, dixo o líder deste partido, Gonzalo Caballero.

En declaracións aos medios en Madrid, Caballero recoñeceu que o resultado non é positivo para Andalucía, nin para o seu partido, pola entrada desta nova forza. Unha situación que explicou polo desgaste do PSOE en Andalucía, pola abstención e por unha campaña electoral que Susana Díaz, dixo, centrou, sobre todo, “moi en clave andaluza e afastada dos logros do presidente do goberno”.

"FASCISMO"

Tamén o voceiro de En Marea, Luís Villares, sinalou que a chegada do “fascismo” ás institucións ven dada polo debilitamento do bipartidismo e unha abstención que prexudica á esquerda. “Os resultados do PP e do PSOE son malos, aínda que os primeiros tiren réditos dunha perda que vai obrigar a que calen co asunto de que debe gobernar sempre a lista máis votada. Para o PSOE a factura da corrupción en Andalucía tamén ten moito peso, pero en conxunto significa que os partidos que protagonizaban o bipartidismo están os dous nunha situación de perda de apoios constantes”, dixo

E, neste sentido, suliñou que a abstención en Andalucía garda moita relación coa aparición de Vox que “vai traballar nun sistema autonómico que quere  facer desaparecer”. “Pero esa contradic¡ción supón que temos que traballar moito máis en que non se perda a gana da cidadanía de participar”, dixo.

O presidente de VOX, Santiago Abascal / www.flickr.com/photos/elentir/42286520162
O presidente de VOX, Santiago Abascal / www.flickr.com/photos/elentir/42286520162
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

4 Braisiño

A extrema dereita está aí, na porta e algúns están a navalladas entre sí. Qué país !!!

3 Cirigaitas

Pero non andábamos en que ter de governar a lista mais votada????......Manda de Camándulas de onde dixen digo.........

2 vaiavaia

Pero non eran o PP e os Cidadáns os que latricaban para que gobernase o mais votado

1 Lesmas

Bla bla bla...total, o partido condenado por corrupción agora tamén apoia un pacto de perdedores, non si?