Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/12/2018 | Actualizada ás 10:36
A sinistralidade viaria duplicouse en novembro en Galicia ao pecharse con catro falecidos en catro accidentes de tráfico, fronte ás dúas vítimas en dous sinistros rexistrados no mesmo mes de 2017.
Segundo os datos publicados pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), recollidos por Europa Press, na provincia de Lugo contabilizáronse en novembro dúas vítimas mortais fronte a unha rexistrada no mesmo período de 2017 e na Coruña houbo unha, fronte a ningunha o ano pasado.
Dous do catro sinistros mortais rexistrados na rede viaria galega debéronse a colisións, outro a unha saída de vía e outro a un atropelo. En canto ás idades das vítimas mortais, tres eran maiores de 65 anos e unha situábase entre os 46 e 55 anos, segundo consta nos datos publicados pola DXT.
ONCE MESES
No que vai de ano perderon a vida 96 persoas en 92 accidentes de tráficos en Galicia, o que supón un aumento do 39,1% no número de vítimas, fronte ás 69 do mesmo período de 2017; e un incremento do 43,8% na cifra de sinistros --64 entre xaneiro e novembro do exercicio anterior--.
Por provincias, na da Coruña rexistráronse 40 falecidos entre xaneiro e novembro de 2018, fronte aos 30 do mesmo período de 2017; outros 21 na de Lugo --seis máis--; 20 na de Pontevedra --un máis-- e 15 na de Ourense --dez máis--.
Entre xaneiro e novembro rexistráronse 37 accidentes mortais na provincia da Coruña --fronte aos 26 no mesmo período de 2017--; 20 na de Pontevedra --cinco máis--; outros 20 na de Lugo --cinco máis-- e 15 na de Ourense --dez máis--.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.