Crece o negocio da madeira en Galicia entre un 5 e un 8%

O novo plan forestal incluirá compensacións a propietarios por restricións de usos

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/12/2018 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

O futuro plan forestal de Galicia, que ultima a Administración autonómica, incluirá compensacións a propietarios forestais relacionadas con restricións e limitacións de usos, segundo avanzaron representantes do sector. Este luns, membros do sector forestal ofreceron un almorzo informativo en Santiago, no que o conselleiro delegado de Finsa, José Carballo, informou de que a cadea de valor da madeira crecerá este ano no seu conxunto en Galicia "entre o 5% e o 8%" respecto da facturación de 2.200 millóns de 2017.

Cadea de valor forestal
Cadea de valor forestal | Fonte: Europa Press

Neste encontro, o secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), Jacobo Feijóo, apuntou que o plan forestal atópase "moi avanzado", pendente "unicamente" da Administración traslade o borrador á Consellería de Medio Ambiente para que realice "a avaliación ambiental estratéxica". Así mesmo, explica que o Goberno galego trasladoulles a "vontade" de que entre no Parlamento para o seu debate, a pesar que tan só se require a súa aprobación polo Consello da Xunta.

Aquí, incluirase un tema fundamental como é a "compensación económica" para propietarios que padezan "calquera limitación adicional", "cunha valoración daquilo que se está limitando, porque se non se estaría ante unha expropiación encuberta".

Respecto diso, o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, valora como "tremendamente importante" que esta reivindicación vaia estar recollida no novo plan como "un principio", xa que outorga "seguridade xurídica". Con todo, "está por deseñar" como se vai levar a cabo.

Nesta liña, o presidente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, José Manuel Iglesias, fai fincapé en que esta medida "é un criterio de sustentabilidade" do territorio, non só de "xustiza". Di que hai que apoiar cun "fío de subsistencia" para non acabar con "toda capacidade de iniciativa".

LIMITACIÓNS NO 80% DE PROPIEDADES

E é que Jacobo Feijóo indica que "había unha proliferación de normativas menores", "difusas", e cita casos como as directrices da paisaxe. Estima que estas limitan a "entre o 70% e 80%" da propiedade forestal.

Aínda que apunta que non se estableceu unha metodoloxía concreta para a valoración, após preto de dous anos de "intensa" negociación da Xunta coa cadea de valor "si se consegue" a "novidade" destas compensacións co seu "xustiprezo".

A modo de exemplo, pon o caso de que "se pague" a propietarios que teñan que retirar determinadas especies dun lugar por motivos paisaxísticos para facer unha "rede de miradoiros". Tamén, refírese ao caso da lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta do próximo ano, pola cal os propietarios terán que facerse cargo dunha franxa adicional de tres metros a liñas eléctricas no canto de que o fagan as compañías, para o que pide unha contrapartida.

LOITA CONTRA O ABANDONO

Outros aspectos a incluír no futuro plan forestal son o modelo de xestión, coa loita contra o abandono como "verdadeiro cabalo de batalla", no que se inclúe o "cambio importantísimo" co paso de montes veciñais a contratos de xestión. E é que Jacobo Feijóo avisa de que "máis da metade de agricultores e gandeiros vanse xubilar nunha década" en Galicia.

Ademais, Jacobo Feijóo, tamén membro de Unións Agrarias, valora que se van a introducir no plan a "inmensa maioría" do ditame da comisión parlamentaria de estudo forestal e de incendios --após o acordo entre PP e PSdeG--.

No tocante a este punto, José Manuel Iglesias, advirte de que "sen sustentabilidade económica non hai futuro" para o monte, xa que o contrario dá lugar a unha "bomba de biomasa". "Se non garantimos alternativas viables imos ter un deserto verde", sentenza. Pola súa banda, Enrique Dans afirma que "hai que introducir axudas axustadas" para evitar o abandono e o lume.

DESACELERACIÓN NA FACTURACIÓN

No tocante aos resultados de 2018, o presidente de Monte Industria, José Carballo (Finsa), detalla que o crecemento de facturación este ano será entre o 5% e o 8%, nun marco de "sustentabilidade" desde 2015, aínda que se aprecia unha desaceleración no segundo semestre.

En concreto, o que máis o acusa é o sector do 'contract' --destinado a tendas e hoteis--, que Carballo achaca a "certos cambios de modelo" en tipoloxía de vendas e menores proxectos a realizar. Despois de que a cadea de valor da madeira presentase propostas de consenso para o futuro o pasado mes de maio --após meses de reunións organizadas polo Clúster da Madeira e a Fundación Juana de Veiga--, agora afróntanse diversos retos.

A modo de repaso de 2018, Carballo valora avances como o proxecto civil de "revitalización" de coníferas, así como o acordo parlamentario da comisión de incendios. Para o futuro, observa retos como o plan forestal no que defende que non haxa un "intervencionismo esaxerado" da administración que "non conduce a nada práctico". Tamén aposta pola simplificación administrativa, o aumento da certificación, alcanzar un "imprescindible" inventario forestal en Galicia, así como "tomarse en serio" por parte de propietarios e administración a loita contra a chamada 'madeira de sangue' --procedente de talas ilegais en Amazonía--.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta