Sorpresa no mundo do deporte ante a posible volta “con calzador” de Lete Lasa á Xunta

Criticas a Feijóo polo cese da deportista Marta Míguez para volver enchufar na administración a un perfil “moi político” que xa marchara da Xunta para fichar por Rajoy. O nome de Lete Lasa figurou asociado á trama Gürtel.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/12/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

José Ramón Lete Lasa podería relevar este xoves no cargo á ourensá Marta Míguez na Secretaría Xeral para o Deporte. O anuncio, filtrado este martes a La Voz de Galicia --xornal que soe anticipar nomeamentos e ceses do Goberno de Feijóo e do PP-- , supón unha carga de profundidade para algúns sectores do mundo do deporte que asumiu con sorpresa, e certa indignación, o feito de que o presidente galego teña decidido sacrificar a unha muller deportista, Marta Míguez, para meter “con calzador” a quen abandonara a Xunta para ir ao Goberno de Rajoy.

Marta Míguez toma posesión do cargo en decembro de 2016 tras a marcha de Lete Lasa a Madrid
Marta Míguez toma posesión do cargo en decembro de 2016 tras a marcha de Lete Lasa a Madrid | Fonte: xunta.gal

Míguez foi nomeada secretaria xeral en decembro de 2016 para substituír, precisamente, a Lete Lasa. E dous anos despois sairía pola porta de atrás de confirmarse a volta de quen se anunciara coma “fichaxe estrela” de Rajoy para a Presidencia del Consejo Superior de Deportes. Un cargo no que estivo escasamente ano e medio. 

Con todo, polo momento, na Secretaría Xeral do Deporte non confirman o relevo de Míguez. Nos últimos meses Lete Lasa maniobrara nas altas esferas do PP, incluído o propio Feijóo, para tentar volver ao seu antigo posto, aínda que iso supuxera o cese dunha muller deportista que hai uns días, e con motivo dos seus dous anos no posto, aseguraba que se mostraba "orgullosa" de amparar aos "deportistas de alto nivel" e de “impulsar a igualdade". 

Míguez colleu os mandos da Secretaría Xeral para o Deporte cando máis fortes eran as críticas contra a xestión de Lete Lasa. De feito, en abril de 2017, trinta asociacións facían público un escrito no que denunciaban o forte descenso de axudas nos últimos sete anos, de case un 50%. Anos que coincidiron co vasco ao fronte deste departamento. 

IGUALDADE E DEPORTE DE ÉLITE

Tras a súa chegada ao cargo, Míguez tentou apaciguar os ánimos e impulsar programas de alto rendemento e de fomento da igualdade no deporte. Uns programas que comezaban, agora, a dar os seus froitos.  

Feijóo, Lete Lasa e Marta Míguez, na toma de posesión do cargo desta última
Feijóo, Lete Lasa e Marta Míguez, na toma de posesión do cargo desta última | Fonte: Xunta.gal

Coa súa experiencia como deportista de alto nivel “saíndo do rural”, potenciou o deporte de élite."O deportista de alto nivel non xorde por xeración espontánea, témoslle que consentir e darlle ferramentas de axuda", dicía recentemnente. Así, puxo en marcha o programa 'Eu son DGAN' (deportista galego de alto nivel), co que conseguiu que 42 persoas atopasen traballo despois de deixar atrás as súas carreiras deportivas.  

E apostou pola igualdade, tanto de homes coma de mulleres, reclamando que o permiso de paternidade se amplíe á partir dos seis meses de baixa, e se prolongue por un ano a condición de deportista de alto nivel. Tamén activou a Escola Galega do Deporte e impulsou a Comisión contra a Violencia no Deporte e a Comisión de Prevención e Represión da Dopaxe, que "estaban na lei pero non desenvolvidas". 

A súa intención este ano era tamén prestarlle especial atención aos deportes minoritarios e non tanto ao fútbol, ou ao baloncesto. Un proxecto que quedará en intención xa que o seu sucesor, Lete Lasa, destaca, especialmente, por potenciar os deportes maioritarios, nos que se sinte máis cómodo.

Marta Míguez foi xerente do Consello Municipal de Deportes entre 2002 e 2007. Antes foi campioa de España absoluta en lanzamento con xavelina nos anos 1998, 1999, 2000, 2001 e 2002. Entre os seus logros deportivos tamén destacan xunto á presenza nos Xogos de Sídney 2000, a medalla de prata nos Iberoamericanos de Guatemala (2002) e nos Xogos do Mediterráneo de Tunes (2001). O seu currículo formativo ampliouse tras a súa licenciatura en Educación Física cun Máster en Dirección e Xestión de Entidades Deportivas e cunha sólida experiencia profesional en Ourense.

LETE LASA E A SÚA VINCULACIÓN COA GÜRTEL

Lete Lasa foi entre 1978 e 1990 xogador de baloncesto en clubs como Estudantes, CAI Zaragoza, Breogán de Lugo, Obradoiro e Bosco de Vigo. Posteriormente ocupou diversos cargos na Xunta e na Comunidade de Madrid.

Comezou a súa xestión na Secretaría Xeral para o Deporte en época de Fraga, no 2003. Logo da victoria do Bipartito marchou coma subdirector xeral de Promoción Deportiva da Consejería de Cultura y Deportes de Madrid,  que presidía entón Alberto López Viejo, imputado na trama de corrupción Gürtel por suborno, fraude, malversación, falsidade documental, asociación ilícita, branqueo de capitais, tráfico de influencias, contra a Facenda e prevaricación.

Lete apareceu nos xornais por asinar polo menos dous contratos con Diseño Asimétrico, unha das empresas da trama Gürtel na comunidade de Madrid, e era considerado a man dereita do político popular imputado. A pesar diso, nunca foi imputado no proceso xudicial aberto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta