Abanca non recorrerá a sentenza que dá a razón a unha demanda colectiva de clientes polas cláusulas chan

Acouga celebra a "noticia moi boa" para os 1.300 afectados adheridos e espera que entre finais de ano e comezo de 2019 se execute o fallo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2018 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Abanca non recorrerá a recente sentenza do Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña que deu a razón aos clientes na demanda colectiva presentada pola Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) contra a entidade, na cal reclamaba a devolución do diñeiro cobrado de máis aos afectados con préstamos hipotecarios con cláusulas chan anteriores a maio de 2013. Así o avanzaron por parte da entidade financeira, nunha semana na que finalizaba o prazo para presentar recurso de apelación.

Xoán Pérez Lema e Manuel Pérez, de Acouga
Xoán Pérez Lema e Manuel Pérez, de Acouga | Fonte: Europa Press

A maxistrada ordenou na sentenza a Abanca que restitúa aos prexudicados as cantidades indebidamente abonadas en aplicación das cláusulas declaradas nulas en virtude da sentenza do Tribunal Supremo de 9 de maio de 2013.

O secretario xeral de Acouga, Xoán Antón Pérez Lema, valora unha "noticia moi boa" porque "a seguridade xurídica é un valor", de maneira que "canto antes reciba o diñeiro o cliente antes se reparará" aos afectados.

Deste xeito, terminará o ano "con sentenza en firme", que "terá que ser executada nos seus propios termos por Abanca". Aínda que aclara que agarda que o fiscal tampouco recorra, pois "terá uns días máis de prazo", aínda que "non se explicaría que fose contra os consumidores nunha sentenza con efectos tan positivos". Ademais, considera que a sentenza "está moi ben construída".

Pérez Lema espera que entre finais de ano e comezos de 2019 "se proceda á execución" do fallo, polo que Acouga "estará vixiante" de que as persoas adheridas e os consumidores reciben o que lles corresponde.

UNS 6.000 EUROS DE MEDIA

A Asociación Galega de Consumidores (Acouga) estima nuns 6.000 euros de media por afectado as devolucións que terá pagar Abanca aos 1.300 clientes da demanda colectiva presentada.

En total, sumaría un montante a abonar pola entidade de nove millóns de euros, segundo as estimacións de Acouga. A entidade conta cunha garantía do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) para cubrir o 85% da devolución das súas cláusulas chan.

Así mesmo, Acouga remarca que este fallo senta doutrina legal con efectos restitutorios que permitirá que se beneficie calquera afectado pola aplicación das cláusulas chan en préstamos hipotecarios asinados antes de maio de 2013.

Por contra, non poderán facelo aqueles consumidores que subscribisen un acordo extraxudicial con Abanca que, como lembra Acouga, foi unha das entidades financeiras "máis proactivas" á hora de chegar a pactos cos seus clientes para a devolución do diñeiro cobrado de maneira indebida.

Nembargantes, a asociación apunta que as cantidades devoltas a estes consumidores están por baixo do que percibirán as persoas adheridas á demanda colectiva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta