Por Galicia Confidencial | Teo | 20/12/2018 | Actualizada ás 16:25
A plataforma Casalonga Limpa de Residuos, tivo unha reunión coa Subdirección Xeral de Minas. Logo da xuntanza a plataforma “constata que a empresa de residuos entregará un novo plan no mes de xaneiro”. Despois do arquivo en firme do expediente a mediados de decembro, “a plataforma volve a poñerse alerta, o novo ano traeralles o vertedoiro encuberto disfrazado dun novo plan de restauración da canteira”.
Pola súa banda a Dirección Xeral de Minas requiriu á empresa dona da canteira, a presentación dun plan de traballo e “comezar a actividade mineira antes de tres meses se non quere perder a concesión mineira”.
Varios membros da plataforma Casalonga Limpa foron recibidos o pasado mércores na Subdirección Xeral de Minas para revisar o expediente do “temible plan de restauración da canteira presentado pola empresa de residuos Toysal”. Este expediente é imprescindible para a explotación mineira Casalonga 6996.
O pasado mes de decembro os veciños e veciñas da área de Casalonga mobilizáranse para protestar contra o plan de restauración da canteira presentado por Toysal, propietaria dos terreos. “O macrovertedoiro camuflado tivo en fronte unha oposición social contundente”. Segundo a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos “finalmente a mobilización veciñal tivo os seus froitos e a plataforma puido constatar, tras acceder onte ao contido do expediente en minas, que este 15 de decembro foi arquivado en firme”.
Non obstante, tras denegar definitivamente o anterior plan “Minas requiriu a empresa a presentación dun plan de laboreo para o vindeiro mes de xaneiro”. Toysal terá un prazo de “tres meses para comezar coa actividade mineira”. Se non entrega un novo plan de restauración “ten a obriga de aplicar o feito por Camilo Carballal, antigo dono da canteira”.
Dende a plataforma “chegan á conclusión de que o único xeito de rematar definitivamente co problema é modificar a lexislación estatal e autonómica que permite o emprego das canteiras como vertedoiros, así como unha maior protección do espazo do monte de Casalonga no PXOM de Teo”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.