Os veciños de Lourizán protestan contra a Xunta polo novo emisario na ría de Pontevedra

Denuncian que “as alegacións son papel mollado" para o Goberno galego.

Por Galicia Confidencial | Lourizán | 23/12/2018 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Os veciños de Lourizán levaron a cabo un novo acto simbólico na concentración semanal deste domingo no “Campo da Dignidade”, nesta ocasión baixo o título “As alegacións son papel mollado para a Xunta”.

Praia de Portocelo
Praia de Portocelo | Fonte: Turismo de Galicia.

O acto consistiu nunha recreación do rexistro da Xunta, na que os veciños entregaban as súas alegacións, a conselleira Ethel Vázquez dáballes o rexistro de entrada e o presidente Alberto Núñez Feijóo metíaas nun recipiente de auga para a continuación tiralas nun váter.

Desta maneira, tratábase de denunciar que a fase de alegacións, en xeral, e a do novo emisario submarino, en concreto, é "un mero trámite para a Xunta de Galicia". E que "as alegacións que presentan as diferentes entidades e a cidadanía, por moi ben fundamentadas que estean, son papel mollado".

Isto ponse, segundo os denunciantes, ponse de manifesto no feito de que antes de finalizar a fase de alegacións do novo emisario submarino —á áltura da praia de Portocelo—, a Xunta xa anunciou a súa licitación para marzo e xa o incluíu nos presupostos do ano que vén

Os veciños denunciantes lembran que "cando a empresa CIISA redactou o proxecto do emisario actual no ano 1989, baseaba as solucións propostas en estudos que, como agora, concluían en considerar como idónea a solución adoptada".

"Fronte ás alegacións que se presentaron, a resposta rotunda da Administración foi sempre a de afirmar que se podía asegurar que non ía haber afección ningunha sobre a calidade das augas de baño, nin sobre os bancos marisqueiros e bateas, nin sobre a illa de Tambo. E tampouco tiveron en conta o Informe da bióloga da ría de Pontevedra, Rosa Ramonell Goyanes, nin o do presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Ernesto Vieitez Cortizo, que advertían do desaconsellable de levar adiante tal decisión pola incidencia negativa sobre os cultivos mariños, as augas da ría e a Illa de Tambo", argúen.

Os denunciantes consideran que "non só quedaron demostradas estas afeccións, senón que son o punto forte para xustificar a necesidade de instalar un novo tubo emisario para as augas residuais urbanas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

coma todas as depuradoras desta pandilla... encheran de "merda" Galicia enteira ! https://flic.kr/p/N12jZi