Temas: MERCADONA

"É unha gran mentira que os traballadores de Mercadona vaian ter unha suba salarial do 15%"

Os sindicatos CIG, ELA e OSTA critican a "campaña" arredor do novo convenio colectivo nesta empresa.

Por Galicia Confidencial | Valencia | 27/12/2018 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

Representantes de CIG, ELA e OSTA critican duramente o convenio colectivo asinado recentemente en Mercadona, o cal, "a pesar da intensa campaña propagandística elaborada pola empresa e as organizacións sindicais asinantes —CCOO e UGT— para vender as bondades do acordo, é practicamente igual ao que xa había e o único que fixeron foi  adaptalo aos cambios na lexislación e a xurisprudencia".

Supermercado de Mercadona
Supermercado de Mercadona | Fonte: La Sexta

"Non é certo que os traballadores e as traballadoras de Mercadona vaian ter unha suba salarial do 15%. Ese é un incremento que se inventan a empresa, CCOO e UGT", aseguraron Roberto Pérez (CIG), Egoitz Iturbe (ELA) e Olga Gómez (OSTA), que denunciaron a "campaña de propaganda que están a realizar a empresa e os sindicatos asinantes para vender as bondades do novo convenio colectivo", criticando a CCOO e UGT "por funcionar como apéndices do departamento de recursos humanos de Mercadona e agora tamén do departamento de publicidade".

Unha das cuestións que máis impacto mediático tivo foi o anuncio dunha suba salarial do 15%, algo que Pérez desmentiu "rotundamente". "Na realidade", apunta, "o que recolle no convenio é un incremento do salario base igual ao IPC real, durante cada un dos cinco anos de vixencia, tal e como xa  viña aplicando a empresa. Isto supuxo a conxelación dos soldos nos últimos tres anos".

"CCOO e UGT levan dende sempre negociando incrementos salariais en convenio que son inferiores aos que a empresa aplica. E isto é así porque Mercadona non acepta que a representación social negocie nada; Mercadona impón e logo fai o paripé con estes sindicatos", explicou Roberto Pérez, apuntando que esta foi a primeira vez que a CIG puido estar presente na mesa de negociación en Valencia, na súa calidade de sindicato máis representativo.

Pola súa banda, Iturbe cualificou de "escándalo" que mentres Mercadona obtivo un beneficios de máis de 2.200 millóns de euros nó último lustro, os traballadores e traballadoras teñan un salario medio bruto anual de 24.000 euros (no caso de perciben a prima, senón a retribución baixa aos 21.000 euros).  Á vista destes datos, valorou, "resulta indignante que neste convenio se asinara unha suba do IPC real que, tendo en conta o índice dos últimos cinco anos, suporía un incremento máximo do 3,8% do salario base".

No referido á ampliación do permiso de paternidade até ás 7 semanas, subliñouse que esta mellora quedará pronto superada se, como parece, no mes de xaneiro o Goberno español consegue aprobar os Orzamentos Xerais para 2019, que contemplan unha ampliación do permiso até ás 8 semanas. Algo semellante ocorre coa redución de xornada por garda legal, pois aínda que presumen de que se amplía até as crianzas cumprir 15 anos, todo o que supere o tempo que marca a lexislación actual será considerado como unha anovación contractual, convertendo contratos a xornada completa, en parciais e sen garantías.

"Neste convenio tampouco se negocian melloras nos calendarios nin na xornada laboral, que segue a ser a máis elevada do sector". Ao contrario, os sindicatos critican que "a empresa asegúrase que pode haber xornadas de 10 horas até dous días á semana, e como non se computa o tempo de descanso diario, a xornada pode acadar as 10,30 horas".

Tamén critican dous puntos "que demostran até que punto están en conivencia a empresa e CCOO e UGT". Por un lado, din que "se establece a creación dun observatorio que suporá que todos os cambios que se poidan introducir no convenio durante a súa vixencia serán negociados en exclusiva cos sindicatos asinantes". E doutra banda, "créase un artigo de 'dereitos sindicais', que na práctica significa que Mercadona e CCOO e UGT poidan negociar un cambio de ámbito das eleccións sindicais para agrupar os comités por provincias, cunha clarísima intención de dificultar que outras organizacións poidan lograr representación na empresa".

Temas: MERCADONA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta